Fene di NON á basuraleza
08-06-2021
O Concello de Fene, a través da concellería de Medio Ambiente, ven de sumarse ao proxecto "LIBERA, unidos contra a basuraleza" (residuos abandonados na naturaleza). O programa inclúe unha "grande recollida colaborativa nacional" que terá lugar este sábado, 12 de xuño, "para liberar a natureza do lixo que outros tiraron e non retiraron".
No marco desta campaña "1 m2 contra a basuraleza", o Concello de Fene habilitou tres puntos de recollida para a limpeza que se desenvolverá esta fin de semana: na praia de Maniños, no Río Cádavo e no Camiño Inglés ao seu paso por Fene. A maiores, participan as asociacións Bétula e Aetna cos seus propios puntos de recollida.
As persoas que queiran sumarse a esta grande recollida colaborativa de lixo na natureza teñen que inscribirse antes do sábado a través da páxina web do proxecto (https://proyectolibera.org/.../proximas.../A%20Coru%C3%B1a), seleccionando algún dos puntos de recollida previstos no Concello de Fene.
Estableceranse grupos cun máximo de dez persoas en cada localización para cuplir cos protocolos de seguridade para facer fronte á COVID 19. Ademais, segundo informa a Concellería de Medio Ambiente, os materiais necesarios para a recollida (luvas e bolsas) entregaranse aos participantes nas distintas localizacións previstas para esta acción do proxecto Libera.
"LIBERA, unidos contra a basuraleza" é un programa impulsado pola ONG ambiental decana de España, SEO/BirdLife, en alianza con Ecoembes, a organización medioambiental sen ánimo de lucro que promove la economía circular a través da reciclaxe dos envases para liberar a natureza de lixo humano. O obxectivo desta iniciativa é concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais liberados de lixo.