A Casa do Concello de Fene iluminarase esta noite en verde por mor da conmemoración do Día Mundial da ELA
21-06-2021
Atendendo ao chamamento da Asociación Galega de Afectados por Esclerose Lateral Amiotrófica (para que se iluminen neste 21 de xuño monumentos, Concellos e lugares emblemáticos de todo o territorio nacional), dende a Concellería de Servizos Sociais de Fene acordouse o alumeado en verde do edificio situado na Praza do alcalde Ramón José Souto González.
Baixo o lema Pon #LuzporlaELA no seu Día Mundial, a campaña impulsada por Agaela Galicia pretende visibilizar a ELA, enfermidade neurodexenerativa que afecta actualmente a 4.000 persoas en España.
A ELA é unha enfermidade neurodexenerativa incurable, progresivamente incapacitante e mortal nun prazo de 3 a 5 anos dende o seu diagnóstico. En España, cada día diagnostícanse tres novos casos de Esclerose Lateral Amiotrófica e falecen outras tres persoas "en silencio".
A isto, denuncia Agaela Galicia nun comunicado, cómpre "sumarlle que o custe medio dos coidados das persoas con ELA acada cifras moi elevadas anualmente, o que supón un problema económico inasumible para a maioría das familias". Ademais, "a dificultade de detectar os síntomas iniciais a nivel de atención primaria e a complexidade do diagnóstico diferencial demoran o diagnóstico da ELA. En España, o tempo medio dende o primeiro síntoma definitivo até o diagnóstico supera o ano".
Por iso, conclúe a asociación, "é importante potenciar a innovación e a tecnoloxía. Ao igual que é vital apoiar e fomentar a investigación, que permitirá atopar a orixe da enfermidade, o diagnóstico rápido e a cura da enfermidade".