Fabrica e utiliza o teu compost

Fabrica e utiliza o teu compost

O Concello de Fene, a través da Concellería de Medio Ambiente, ven de sumarse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama. Froito desta inciativa, a empresa pública entregará ao Concello 30 composteiros que se distribuirán entre a veciñanza de Fene que queira participar no proxecto, recibindo ademais un manual e unha formación ao respecto. As persoas que queiran recibir o composteiro poden enviar xa un correo a fenemedioambiente@fene.gal, indicando os seus datos persoais e de contacto xunto co enderezo da finca (horta, xardín ou terra de cultivo) que, como único requisito, deberá estar ubicada no termo municipal de Fene.


Segundo informa a Concellería de Medio Ambiente, o reparto dos composteiros farase por orde de solicitude, entre as 30 primeiras persoas que os demanden. De todos os xeitos, "se houbera máis peticicións, solicitaríanse tamén máis composteiros a Sogama para que ninguén quede sen eles".


Unha vez distribuidos os composteiros, un técnico ao servizo de Sogama desprazarase ao Concello de Fene para impartir un curso de formación sobre compostaxe doméstica. Nesta sesión de formación común explicaranse aos participantes as vantaxes ambientais, económicas e sociais asociadas á autoxestión da materia orgánica, así como a técnica a aplicar para obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos necesarios para ser aplicado ao solo con garantías e sen restricións. Co obxectivo de afianzar coñecementos e despexar dúbidas, os participantes tamén recibirán, de mans de Sogama, un manual didáctico de consulta, tendo a oportunidade de complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal.

Dende a Concellería de Medio Ambiente de Fene anímase á veciñanza do termo municipal a participar no programa de compostaxe doméstica, valorizando in situ a materia orgánica xerada nos seus fogares.

Ligazóns