A campaña é promovida pola asociación INDICAN e a Concellaría de Medio Ambiente dirixida por Marta Pereiro
O Concello de Fene desenvolve unha campaña de concienciación a prol da empatía e a non discriminación dos cans denominados potencialmente perigosos
04-07-2021
O Concello de Fene aposta novamente pola concienciación e a sensibilización da cidadanía, nesta ocasión co obxectivo de loitar contra o estigma que sofren os mal chamados PPPs e fomentar a adopción destes cans "inxustamente prexulgados e discriminados".
Cun contundente deseño gráfico no que se incide en que son unicamente CANS, nin Potenciais nin Perigosos, e animando a ‘Vivir sen etiquetas’ en base a uns retratos de adoptantes reais de cans destas razas, a campaña céntrase en lembrar que a súa tenza está suxeita dende a vixencia da ‘Lei 50/1999, sobre o Réxime Xurídico da Tenza de Animais Potencialmente Perigosos’ hai máis de 20 anos, a uns requirimentos para a súa adopción, hábitos de paseo e outras cuestións que dificultan o seu normal desenvolvemento, o seu benestar e limitan a súa socialización. "Presupoñen comportamentos agresivos polo feito de pertencer a unha determinada raza das incluídas no listado de PPPs, que en cada comunidade e en cada país difiren, o cal é indicativo da súa aleatoriedade e falta de base científica".
Para saíren á rúa teñen que ir amordazados, atados a menos de dous metros, non pasear acompañados doutro can da súa raza ou doutra discriminada… Afortunadamente, aseguran dende a Concellería de Medio Ambiente, "esta Lei ten o tempo contado, vai ser derogada e será substituída polo novo DNI animal e unha nova Lei Marco de Benestar Animal que acabe protexa os animais e as persoas de propietarios irresponsables, maltratadores e inconscientes". Todos os cans, independentemento da súa raza e tamaño, terán que pasar un test de valoración, co obxectivo dunha tenza responsable e unha seguridade cidadá eficaz. Pero queda moito traballo por facer para que o estigma dos mal chamados PPPs desapareza, de aí a necesidade de campañas que contrarresten a carga negativa acumulada.
No asesoramento e elaboración de contidos contouse con reputadas profesionais con ampla experiencia no manexo e recuperación destes animais que en numerosas ocasións arrastran un duro pasado de maltrato e explotación: elas son Loreto Corral (guía militar de cans e educadora canina) que dirixe a Asociación ‘3PA’ para o rescate, rehabilitación e adopción de cans considerados PPP en España, e Susana Santamaría (educadora canina), que dirixe a Asociación ‘Adocan’ para a defensa, rehabilitación e reeducación de cans PPP.
Outras persoas intimamente relacionadas co obxectivo da campaña que tamén participarán en accións de divulgación da mesma a través de Radio Fene son: Beatriz Martín, da Protectora ‘Gatocan’ (Coirós), María Díaz, da Protectora ‘Apadan’ (Culleredo), María López, da Protectora ‘Cometa’ (Narón) e Cristóbal López (Policía) da Plataforma ‘Profesionales VS Ley PPP’ pola derogación da lei PPP, ademais de varios propietarios adoptantes de cans das consideradas razas PPP que achegarán a súa testemuña persoal do día a día da vida de cans sometidos ás restricións que limitan a súa socialización e relacións.
Os soportes a través dos cales se vai difundir masivamente entre a poboación inclúen un cuadríptico, cartelería de pequeno e gran formato, vídeos, redes, web e radio municipal.