A veciñanza de San Valentín mobilízase para evitar o peche "definitivo" da oficina de Abanca
05-07-2021
Máis dun cento de veciñas e veciños de San Valentín concentráronse este mediodía na Praza do 10 de Marzo para mostraren o seu rexeitamento ante o peche durante xullo e agosto da sucursal de Abanca, única oficina bancaria que existe no barrio, e tamén para ordenar as medidas de presión que se teñen previsto adoptar durante os próximos días para garantir o mantemento do servizo despois do verán. A coordinadora veciñal -integrada por colectivos e particulares- sospeita que a entidade financeira ten intención de non reabrir en setembro, seguindo a senda de peches de sucursais que xa se produciu nos últimos meses noutros puntos da comarca.
A primeira das accións de protesta fixouse para este xoves 8 de xullo ás 10.00h. A coordinadora lanzou un chamamento para concentrarse de novo a esa hora na Praza do 10 de Marzo e subir despois até a oficina do Cruce de Fene. A idea é formar alí unha grande cola "para facer ingresos de 1€ nas nosas contas ou solicitar información sobre seguros, que é o único que atenden agora".
Deste modo, e como medida de protesta, agárdase "bloquear" o funcionamento da entidade para facerlle ver a Abanca "a presión dun barrio obreiro" que neste momento só ten como opción un caixeiro automático.
O voceiro da coordinadora, Juan Miraz, explicaba esta mañá que a sucursal de San Valentín "xa a quixeron pechar en 2017" e que a acción conxunta da veciñanza e do Concello naquel momento conseguiu que o servizo se mantivese. Porén, o ano pasado Abanca suspendeuno durante os meses de xullo e agosto, centralizando todas as xestións durante eses dous meses na oficina do Cruce de Fene.
"Eles baséanse en que se pode funcionar a través do caixeiro", comenta Miraz ao tempo que advirte de que "se non facemos nada, en setembro non abren". Unha sospeita avalada, segundo a coordinadora, por outras clausuras de oficinas que se produciron na comarca. "En Cerdido son 1.000 habitantes e abanca tiña 700 contas, o 70% da poboación. Pecháronlles a oficina e deixáronlles un caixeiro. Agora teñen que achegarse ás Somozas ou a Moeche."
Desde a coordinadora arguméntase, ademais, que "Abanca está aí porque foi rescatada con 9.000 millóns cartos públicos que non devolveron. Nós entendemos que, aínda sendo privada, ten que dar servizo e imos pelexar por iso".
Demanda dunha oficina de atención rápida
A coordinadora veciñal demandou o apoio do Concello nas reivindicacións do barrio -o máis populoso de Fene e un dos máis avellentados- non só para que se garanta a atención bancaria presencial, senón tamén para mellorala.
Neste sentido, o Goberno local -que tamén asistiu á concentración desta mañá- comprometeuse a intermediar con Abanca para que a oficina de San Valentín se converta, tal e como pide o colectivo, "nunha oficina de atención rápida que abra os cinco días da semana de 8 a 14.00h e tamén dous días pola tarde para a zona sur da ría, que collería Neda, Fene, Ares e Mugardos".
A coordinadora veciñal defende o emprazamento desta oficina en San Valentín con argumentos como, por exemplo, as características das instalacións, a súa situación ou a facilidade para atopar aparcamento.