O Concello de Fene axudaralles ás entidades e aos particulares coas alegacións do Parque Eólico Caaveiro
07-07-2021
Quedan exactamente 20 días para que finalice o prazo de alegacións ao parque eólico que Enel pretende erguer nos concellos de Fene, Cabanas, Neda, San Sadurniño, A Capela e As Pontes. Unha instalación con 14 aeroxeradores e 78MW de potencia nominal que, no caso de Fene, prevé a instalación de liñas de evacuación, unha subestación e un muíño nos montes de Marraxón, sen contar que preto dos límites con Neda e Cabanas irían outros seis, producindo un forte impacto paisaxístico ademais doutras afeccións sobre o patrimonio cultural e os predios da zona. Para falar destas cuestións e, máis que nada, sobre o posicionamento do consistorio ao respecto do proxecto, esta mañá celebrouse no Concello unha xuntanza entre o alcalde e os representantes dos colectivos veciñais -as asociacións de Sillobre e Santo Samarco, a SCRD Agarimo e a comunidade de montes de Marraxón- na que o goberno local lles trasladou a intención de abrir unha oficina temporal que lles facilite a redacción e a presentación das alegacións.
O Concello agarda ter concretado o calendario de días e horarios entre mañá e pasado , co obxectivo de informar sobre o servizo nunha xuntanza promovida polas catro entidades que terá lugar o venres ás 17.00h no local da SCRD Agarimo. A ela tamén están chamados colectivos e representantes municipais doutros concellos tamén afectados polo Parque Eólico Caaveiro.
Tal e como apuntou Juventino Trigo, tanto a veciñanza como o propio Concello "estamos preocupados polo alcance deste proxecto xestado con nocturnidade e case sen dar tempo para estudalo e poder alegar contra del con contundencia e con argumentos ben fundamentados xuridicamente".
O rexedor explicou neste sentido que o Concello de Fene está preparando unha batería de alegacións contra un proxecto "de dubidosa legalidade" que tería "serias repercusións no territorio", algo que no que coinciden tamén as asociacións do eixo comprendido entre a Rabadeña e San Marcos, zona na que se prevén "instalar muíños, abrir pistas, construír unha subestación e abrir zanxas para soterrar liñas, con todo o que iso implica en canto a danos na paisaxe e no patrimonio, ou posibles afeccións sobre traídas de auga e limitacións futuras dos usos da terra".
Trigo insistiu en que o Goberno local "está aliñado cos veciños e veciñas" e que, por esa mesma razón, "facilitará que tanto as asociacións como as persoas particulares poidan preparar as súas alegacións e presentalas dentro de prazo cun asesoramento axeitado".
O alcalde tamén fai un chamamento "á máxima participación" na xuntanza convocada para o venres á tarde no local da SCRD Agarimo de Sillobre e, recollendo a petición formulada esta mañá polas catro asociacións, tamén apelou á "unidade de acción" das entidades veciñais e das Administracións "para frear o proxecto".
Un parque fóra das zonas eólicas definidas pola Xunta
O proxecto do parque eólico Caaveiro, promovido por ENEL Green Power, supera os 50 MW e, polo tanto, a competencia da súa tramitación é estatal, aínda que, segundo Trigo, "a Xunta debería pronunciarse xa sobre a súa postura, dado que o parque está fóra dos espazos delimitados no Plan Eólico de Galicia. Sendo así, posto que as competencias en materia de xestión do chan seguen sendo autonómicas, o goberno da Xunta debería loitar legalmente até as últimas consecuencias para evitar estes despropósitos".
A zona de xeración -14 muíños en total- estenderíase por Fene, Cabanas, Neda e San Sadurniño, mentres que as infraestruturas de evacuación até a estación de Red Eléctrica Española discorrerían maiormente pola Capela e As Pontes, punto no que a produción entraría na rede.
Porén, o P.E. Caaveiro sería só unha parte da rede de seis parques que a multinacional eléctrica proxecta erguer en 50 quilómetros ao redor das Pontes co obxectivo de alimentar unha central de produción de hidróxeno, cuxa execución está supeditada á obtención dos fondos europeos Next Generation.
Os proxectos -denominados Caaveiro, Badulaque, Moeche, Tesouro, Santuario e Barqueiro- producirían en conxunto 611 MW. "Estamos diante dun caso claro de fragmentación dun parque eólico. ENEL presenta proxectos individuais que despois funcionarían como un só. Así acurtan prazos de tramitación e rebaixan requisitos ambientais, pero a realidade é que se está proxectando un macroparque desde o Ortegal ata ría de Ferrol burlando a normativa", apunta Juventino Trigo, ao tempo que engade que esa será, precisamente, unha das alegacións que presentará o Concello.
Todos os escritos han de dirixirse á Área de Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia, situada na Praza de Ourense 11, C.P. 15003 A Coruña. As persoas físicas poderán exercer ese dereito indistintamente polo rexistro presencial -as alegacións tamén poden entregarse no rexistro do Concello, non fai falla ir á Coruña- ou telemático, mentres que as persoas xurídicas deberán facelo obrigatoriamente por vía electrónica. O prazo remata o 27 de xullo. Tamén se poderá consultar a documentación nas propias dependencias da Delegación do Goberno solicitando cita previa no 981 989 559 ou no correo electrónico industria.acoruna@correo.gob.es.