Fene acollerá o sábado no Parque Liñal do Río Cádavo o acto institucional do Día da Patria Galega

Fene acollerá o sábado no Parque Liñal do Río Cádavo o acto institucional do Día da Patria Galega

O director da banda Airiños de Fene, Miguel Doval, asina este ano a declaración institucional  do  25 de xullo, Día da Patria Galega, no Concello de Fene. E ademais será o encargado de lela nun acto que terá lugar este sábado   ás   13.00   horas   no  Parque   Liñal   del   río   Cádavo,  a   carón   do monumento 25 de xullo.  Nel  intervirán, amais do convidado, o  concelleiro de Cultura, Justo Martínez;  e  o  alcalde  de Fene, Juventino Trigo. Posteriormente realizarase  unha ofrenda floral  no monumento ao Día da Patria Galega onde
soará o Himno Galego.

O acto institucional do Día da Patria Galega será o colofón, xunto co concerto de Amadeus previsto para esa mesma noite, do ciclo de actividades Xullo, mes da Patria, que organiza a Concellería de Cultura. O programa arrinca este mércores ás 21 horas co concerto da Garufa Blue Devils Big Band con Sito Sedes, na pista municipal de Fonte do Campo, e continuará o xoves á mesma hora na Praza do alcalde Ramón José Souto González co de Sés (ámbolos dous con entradas esgotadas). Neste mesmo escenario, o venres 23 inaugurarase ás 21 horas a exposición cos debuxos realizados polos artistas convidados que participaron na “Andaina debuxada” do proxecto “Viñetas do Camiño” e, a continuación, actuará o grupo The Teta ́s Van (con entrada libre e de balde até completar o aforo) e haberá un espectáculo pirotécnico.

Miguel Doval

Nace en A Coruña. No ano 1984 ten os seus primeiros contactos coa nosa música tradicional nas agrupacións Orballo (Pontedeume) e Agarimo de Catabois (Ferrol) dirixidas por Manuel García (Lolete). Forma parte doutras agrupacións como Os Estrobos, Grupo Aldraba, Baila na Criba, ademais de ser solista en grupos de baile como Donas e Galáns, Rueiro. Tamén foi solista nas corais Armonía e na do Casino Mugardés.

No ano 1986 é o segundo director da Banda de Gaitas de San Pantaleón das Viñas, no 1987 asume a dirección da Banda de Gaitas Airiños do Eume que dirixirá hasta o ano 1993 no que asume a dirección da Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene na que aínda continua.
 
No ano 1990 funda o grupo folk Abelendas e no ano 1991 o grupo folk Eiravedra cos que gravou varios Cds.

Á parte da súa formación autodidacta, Miguel Doval ten realizado numerosos cursos de formación, entre os que salientaremos: 2 anos de percusión tradicional con Manuel Ambite na Coruña, curso de perfeccionamento de gaita con Jen-Luc Le Moing en Vigo e con Patrick Molar en Ferrol, cursos de aprendizaxe de construción de palletas e pallóns con Antonio Rodríguez, cursos de guitarra, bouzuki e piano con Carlos Beceiro (La Musgaña) e con Quico Comesaña (Berrogüeto).
 

Ten  recibido   distintos  premios e   galardóns  ao  longo   destes  anos entre   os que destacaríamos: un 4º e un 1º premio no Certame de Música Folk de Vilagarcía (1992 e 1994), 2º premio con Baila na Criba en Ponteareas 93 e 1º premio no concurso Pelegrín – Xacobeo 93. Xa coa Banda de Gaitas Airiños de Fene obtén o 1º premio no concurso de Bandas de Gaitas de TVG 1996 e o 1º premio no concurso de Bandas de Gaitas de Betanzos 1997. É de destacar a concesión da Gaita de Ouro do Concurso Constantino Bellón 2009 concedida polo Ateneo Ferrolán polo seu traballo a prol de nosa música tradicional.
 
Realizou diversos traballos de composición musical para teatro (Teatro do Ameneiral), dirixiu distintos espectáculos de música tradicional, arranxos musicais para grupos folk, cursos de gaita, xurado en distintos concursos de gaita....

Moitos foron os festivais e lugares onde Miguel ten actuado cos grupos dos que formaba e forma parte, podendo destacar: Festival Intercéltico de Ortigueira, Festival Internacional de Salamanca, Festival Intercéltico de Lorient, Folk Segovia, Festival de Música Tradicional e Popular (Vilanova i la Geltrú), Certame de Música Folk de Vilagarcía, Festival Intercéltico de Avilés, Irmandiño de Moeche... e actuacións en Madrid, Marsella, Bilbao, Lisboa, Gernika... e en moitos concellos do noso País.