Fene rexeita en pleno o proxecto do parque eólico Caaveiro
22-07-2021
O Concello de Fene aprobou esta mañá por unanimidade de todos os grupos municipais unha declaración institucional rexeitando o proxecto do parque eólico Caaveiro, que lle afectaría tanto ao cordal de Marraxón como a outros puntos dos municipios de Neda, Cabanas e San Sadurniño, ademais de prever liñas de evacuación pola Capela e As Pontes.
Malia recoñecer a necesidade de promover as enerxías renovables, o pleno aliñouse deste modo coa demanda veciñal de que se free o proxecto, instando ao Estado a que informe desfavorablemente a súa implantación polos "impactos negativos que se derivarían para o conxunto do territorio e a veciñanza".
A declaración tamén solicita que o Consello da Cultura Galega, "como máximo asesor da Xunta en materia de Cultura", emita un informe ao respecto das repercusións sobre o patrimonio tanto deste parque como dos outros cinco que ten proxectados ENEL nun radio de 50 quilómetros arredor da térmica das Pontes.
Por outra banda, o Concello de Fene tamén insta á Dirección Xeral de Defensa do Monte -dependente da Consellaría do Medio Rural- para que informe sobre a prevalencia do uso forestal do chan sobre o uso eólico no ámbito da poligonal definida no proxecto. Arguméntase que a Lei 7/2012, de 28 de xuño -a lei de montes- ten unha consideración estratéxica do monte como fonte de riqueza xeradora de emprego estable e descarbonizadora da economía. Ademais apúntase que as masas forestais da zona, que se verían reducidas pola instalación dos muíños e outras infraestruturas, permiten cumprir co Protocolo de Kioto, ao tempo que "realizan unha contribución importante ao PIB galego".
O acordo institucional finaliza pedindo da Xunta de Galicia que o trámite de información pública dos seis parques proxectados por ENEL Green Power se faga de forma conxunta, de modo que a avaliación do seu impacto sexa "global, sumativa e acumulada". Por último, o texto pídelle ao Goberno de España que dea conta "con transparencia" sobre as axudas recibidas pola empresa promotora tanto por parte do Estado como do Banco Europeo de Investimentos.
Adxúntase texto íntegro da moción aprobada esta mañá
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PLENO DO CONCELLO DE FENE EN CONTRA DO PROXECTO DO PARQUE EÓLICO CAAVEIRO
Antes de instalar parques eólicos, é moi importante realizar estudos previos que permitan valorar o impacto ambiental que supoñería unha instalación desta magnitude. A observación da contorna, previa á elección dos emprazamentos, é crucial para provocar a menor afección posible aos ecosistemas implicados.
A previsión de ubicación de parques eólicos na comarca de Ferrolterra, e no concello de Fene en particular, non se está a levar a cabo tendo en conta as necesidades do país , os interesa das comunidades locais, a protección do territorio e o medio e a compatibilidade con actividades socioeconómicas propias da nosa contorna. Pola contra prevalecen os intereses de grandes grupos económicos que teñen unha visión puramente depredadora e extractivista dos recursos, do mesmo xeito que ocorre con outros sectores estratéxicos como o forestal ou o mineiro. É polo que apostamos de maneira decidida pola enerxías renovábeis como a eólica, se ben entendemos que a enerxía debe ser considerada como un ben público e os seus beneficios deben repercutir no conxunto do país e nos territorios onde se xera. Para iso defendemos a participación pública galega na planificación e desenvolvemento do sector enerxético en xeral e do eólico en particular.
Debemos ser conscientes da lexislación vixente na actualidade, tanto polos avances técnicos nos aeroxeneradores, como nos avances a nivel de normativa europea, nos estándares de protección ambiental, paisaxística e de participación cidadá, que mudaron completamente neste 20 anos e sen esquecer a vella demanda por exemplo da UE, ao respecto da ampliación da Rede Natura
Asimesmo, e dacordo a estándares ou obxectivos marcados desde a propia UE, debemos ter en conta que no 2019, Galicia produciu o 65% do mix de xeración galega en renovábeis, que ven sendo o dobre do obxectivo que marca a UE para os Estado membros para o 2030. Polo que tampouco os datos de produción de enerxía renovábel parecen avalar que sexa agora o momento de impulsar unha carreira de implantación de parques eólicos no noso País, senón de desenvolver a potencia eólica dun xeito racional , sostible e ordenada.
Neste sentido, e asumindo explícitamente a petición que nos traslada a veciñanza e colectivos afectados, propoñemos ao pleno da corporación a adopción dos seguintes acordos:
1.- Reixeitar a instalación do Parque Eólico Caaveiro polos impactos negativos que do mesmo se derivan para o conxunto do territorio e veciñanza do nosos concello, e instar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfica que informe negativamente o proxecto e impida a súa implantación no noso territorio.
2.- Instar ao Consello da Cultura Galega, máximo órgano asesor da Xunta de Galicia en materia de cultura, que se informe sobre da compatibilidade do proxecto da estación eólica Caaveiro e os outros cinco parques eólicos que conforman o plan industrial de desenvolvemento eólico da mercantil promotora na mesma área de actuación, cos valores culturais, paisaxísticos e ambientais da área de afección do conxunto dos proxectos aos que fai referencia o proxecto eólico Caaveiro.
3.- Instar á Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e á luz da exposición de motivos e o artigo 5 da Lei 7/2012, de 28 de xuño que se informe sobre a prevalencia do uso forestal sobre o uso eólico e a incompatibilidade deste, dentro da superficie afectada pola poligonal do parque eólico Caaveiro e os outros cinco parques que configuran o plan industrial de desarrollo eólico da mercantil promotora, en tanto en canto como ben di a exposición de motivos da referida lei, o monte galego é unha fonte de riqueza que xera emprego estable, descarboniza a economía, cumpre co protocolo de Kioto e realiza unha contribución importante ao PIB galego.
4.- Instar a Xunta de Galicia a que someta a trámite de información pública e de xeito conxunto, os estudos de impacto ambiental dos seis parques eólicos que promove a mercantil Enel Green Power España S.L. (parques eólicos Caaveiro, Tesouro, Barqueiro, Badulaque, Santuario e Moeche) coas súas respectivas instalacións de conexión e liñas de evacuación, xa que logo, a tramitación ambiental independente de cada un deles impide a avaliación ambiental global, sumativa e acumulada dos impactos da totalidade dos parques que a promotora prevé desarrollar na mesma área xeográfica.
5.- Instar ao Goberno de España a que se de transparencia a relación de axudas públicas e contías recibidas pola empresa promotora Enel Green Power España S.L tanto do Estado español como do Banco Europeo de Inversións para o desarrollo do plan industrial de desarrollo eólico configurado polos seis parques eólicos Caaveiro, Tesouro, Barqueiro, Badulaque, Santuario e Moeche e a súas infraestruturas asociadas.