"Seremos grandes cando cada amencer sexa da Patria, das nais, dos pais e do pobo"
O director de Airiños de Fene compuxo unha peza para conmemorar o Día da Patria que se estreará o vindeiro luns na web e redes sociais do Concello
24-07-2021
Con estas verbas comezaba hoxe a súa intervención o director da banda de gaitas Airiños de Fene, Miguel Doval, autor da "Declaración Institucional" que o Concello encarga cada ano a persoas relacionadas con Fene que se significan pola súa traxectoria social e cultural. Durante a súa intervención, o músico e compositor serviuse da linguaxe musical para pedir que "sementemos identidade, que o noso latexo sexa a ritmo de muiñeira, que as alboradas aneguen as mañás da nosa música e que cada día sexa na nosa fala, sen traducións, sen tabues".
Tamén denunciou Miguel Doval que "nestes tempos de mestizaxe e de rebumbio cultural, a nosa música está ferida polo intrusismo" e que "o que tanto costou e segue a costar na defensa do idioma pérdese cando desmerecemos as nosas melodías, os nosos cantares". Por iso, reivindicou "elevar a música do país ó lugar que lle corresponde, como testemuña do noso xeito de vivir, de sentir".
Ao remate do seu discurso, o director da Banda de gaitas Airiños de Fene presentou unha peza musical que compuxo específicamente para a ocasión e "para celebrar o que para min significa este día, o noso e a nosa patria". Trátase dun tema de tres partes ben diferenciadas, "a primeira o inicio da festa, como así debera ser unha festa da cultura tódolos días. A segunda que simula o traballo, o esforzo con subidas e baixadas melódicas, e unha terceira e última que é unha homenaxe á nosa fala, unha conversa que mantén o noso instrumento, a gaita, simulando ser homes e mulleres , de Fene… , de Galicia…, en fin da nosa Patria". A composición estrearase o vindeiro luns a traves da web e redes sociais do Concello de Fene.
O acto, que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello (e contou coa presentación do concelleiro de Cultura, Justo Ardá) estivo presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, quen falou da historia desta festa maior de Galicia, remontándose os seus comezos a "principìos do século vinte, cando a II Asemblea Nacionalista acorda institucionalizar o “Día da Patria” o 25 do mes de Santiago’. Dende esta primeira convocatoria, afirmou Trigo, "as conmemoracións do Día de Galicia estiveron sempre condicionadas pola situación política do momento, aínda que sempre co eixo central da reivindicación dos símbolos e a identidade do país".
Tamén aproveitou o alcalde de Fene para convidar á veciñanza a pendurar estes días a bandeira azul e branca de fenestras e balcóns e para facer un chamamento á participación nos actos convocados para o 25 de xullo.
Membros da Corporación Municipal de Fene e numerosos veciños/as participaron tamén no acto que tivo lugar ás 13.00 horas no Concello e que concluíu ao son do Himno Galego.
Declaración institucional do día da Patria Galega, Miguel Doval
Bos días, quero agradecer ó Concello de Fene, en particular ó seu alcalde, Juventino Trigo, e a Justo Ardá, concelleiro de Cultura, por lembrarse de min neste día da Patria Galega.
Os sentimentos son encontrados, a ledicia de poder celebrar o Día da Patria e a tristura de facelo só un día ó ano. Seremos grandes cando cada amencer sexa da Patria, das nais, dos pais e do pobo.
Unha noite no muiño
Unha noite non é nada
Unha semaniña enteira
Esa si que é muiñada
Sementemos identidade, que o noso latexo sexa a ritmo de muiñeira, que as alboradas aneguen as mañás da nosa música e que cada día sexa na nosa fala, sen traducións, sen tabues.
Esta terra non é miña
Si Dios quere aínda será
Sementei o trigo nela
Non sei se me nacerá
Onde vai esa estrela que nos ten que guiar, como fixeron aqueles homes e mulleres que dignificaron o noso, o idioma, a cultura, a música.
Moitos son os que levan a patria polo mundo espallando o seu idioma, os seus costumes pero quizais a esquecida sexa a nosa música.
Estrelliña mariñeira
Estrelliña mariñeira
Alumíame no mar
Alumíame na beira
Permitídeme hoxe unha reivindicación.
Nestes tempos de mestizaxe e de rebumbio cultural, a nosa música está ferida polo intrusismo, o que tanto costou e segue a costar na defensa do idioma pérdese cando desmerecemos as nosas melodías, os nosos cantares, non consiste soamente en poñer o idioma en ritmos foráneos senón que debemos de elevar a música do país ó lugar que lle corresponde, como testemuña do noso xeito de vivir, de sentir.
Non temos que sair de Fene para coñecer e recoñecer ós músicos que este pobo xenera, como di un bo amigo asturiano, “en Fene levantas una pedra e aparece un gaiteiro”.
En moitos lugares alén das nosas fronteiras, nos cais tiven o pracer de interpretar a miña música, o respecto e a admiración por ela é digna de mención, se alguén soubese dicirme por que non a mimamos e defendemos, acaso por mercantilismo, tal vez pola errónea idea de identificala co “paletismo” no sentido negativo, ou será por ignorancia?!
De seguro isto ímolo cambiar as persoas que realmente loitamos contra a perda de identidade, seguiremos esa estrela que nos guía, porque o importante xa o temos, espallémolo. Segundo palabras de Valleinclan “as obras cargadas de tradición son as obras cargadas de futuro”.
Unha volta polo lado
iautra polo arredor
Así fai o que ben baila
Así fai o bailador
Para rematar e usando a miña linguaxe, a música, a que elexín hai moito para ser e contar, compuxen unha obra para celebrar o que para min significa este día, o noso e a nosa patria.
É un tema de tres partes ben diferenciadas, a primeira o inicio da festa, como así debera ser unha festa da cultura tódolos días. A segunda que simula o traballo, o esforzo con subidas e baixadas melódicas, e unha terceira e última que é unha homenaxe á nosa fala, unha conversa que mantén o noso instrumento, a gaita, simulando ser homes e mulleres , de Fene… , de Galicia…, en fin da nosa Patria.
Grazas e moita música.
Estrofas recollidas no Cancioneiro Popular Galego. Vol. 1 , oficios e labores. Fundación Pedro Barrié de la Maza, recollido por Dorothe Schubarth e Antón Santamarian. 199b, 253bis, 425 e 537