O Concello de Fene ofrece 10 contratos temporais para persoas desempregadas a través do PEL provincial e do APROL Rural
09-08-2021
O salón de sesións do Concello de Fene acolleu hai uns días o acto protocolario da sinatura de contratos das 10 persoas desempregadas que este ano se beneficiarán dos programas PEL Reactiva Concellos, da Deputación da Coruña, e APROL Rural, financiado pola Consellaría de Emprego e Igualdade. Dentro do programa provincial xa están traballando na área de Servizos un total de 7 peóns e peoas de obras, ademais dunha auxiliar de biblioteca, mentres que no caso do programa autonómico tamén empezaron a finais de xullo dous operarios para realizar labores de mantemento forestal. O Concello de Fene percibirá algo máis de 151.000 euros para cofinanciar ambos programas de emprego.
A maior contía correspóndese co PEL da Deputación da Coruña, tanto polo seu importe como pola cobertura de gastos. E é que gracias a este plan o Concello conta cunha achega de 104.000 euros que lle permitiron ofertar oito contratos a xornada completa durante un período de 5 meses. Case todos son para reforzar a área de Obras e Servizos até finais deste ano, desenvolvendo labores de conservación en espazos municipais -mantementos e pequenas obras- ou nos servizos de recollida do lixo e limpeza.
Ademais, con cargo ao PEL -que alcanza o 100% dos custes de contratación- tamén se incorporou unha auxiliar á biblioteca municipal. De igual maneira a relación laboral co Concello prolongarase até o 31 de decembro deste ano.
Por outra banda, a través do APROL Rural da Xunta, o Concello tamén contratou a dous operarios para levar a cabo traballos de roza e prevención de incendios forestais. Neste caso a duración será de 9 meses a xornada completa -até abril do ano que vén- e, a diferenza do PEL da Deputación, a achega autonómica de 27.500 euros só cobre o 55% dos custes do programa, mentres que o 45% restante -uns 26.000 euros- serán sufragados con fondos municipais.
Este ano, e de cara a axilizar os procesos de contratación, o Concello efectuou a selección mediante concurso-oposición a partir dunha relación de aspirantes facilitados polo Servizo de Emprego Público de Galicia, en todos os casos persoas en situación de desemprego que cumprían coas bases específicas de cada un dos dous programas.
Na mañá do xoves, véspera do festivo local, o salón de plenos acolleu un breve acto protocolario de sinatura de contratos no que o alcalde, Juventino Trigo, e a concelleira responsable da subárea de Formación e Emprego, Cristina García, lles deron a benvida ás traballadoras e traballadores que desempeñarán as súas funcións como persoal temporal do Concello durante os próximos meses.