Ramón José Souto González, último alcalde fenés da República
17-08-2021
Intervención do alcalde de Fene, Juventino Trigo no homenaxe do 16 de agosto de 2021
Benvidas e benvidos a este acto convocado, como cada ano, para lembrarmos a memoria do alcalde Ramón José Souto González e, por extensión, a de todas aquelas persoas que pagaron coa vida ou coa represión o amor pola súa patria.
Hoxe é, en efecto, un día para nos non esquecermos deses homes e mulleres que en épocas convulsas tiveron a coraxe de alzaren a súa voz para reivindicaren o dereito a vivir en democracia, os dereitos nacionais do país desde esferas tan diferentes, mais tan estreitamente vinculadas, como a lingua, a literatura, a organización política, a cultura ou os sectores estratéxicos para o desenvolvemento social e económico da nosa terra, un territorio onde o mundo adopta diferencial, mais non caprichosamente, o nome de Galiza.
Falamos, centralmente, de Ramón José Souto González, mais tamén de José Pita Cortés, José Agrás Gómez, alcaldes de Fene. Robustiano Varela Grande, Andrés Iglesias Garrote, Ángel Nicanor González Fontela, Juan Vila Anca, José García Feal, Juan Teijeiro Lourido, Lisardo Gómez, Eladio Ballester Barros, Eugenio Casal Pita, José Pita Pita, Jesús Cernadas Veloso, Eduardo Barcia Rodríguez e Enrique Garabana Picos, concelleiros legal e democraticamente elixidos polos veciños e veciñas de Fene. José Tenreiro Prim, secretario municipal.
Por dignidade como persoas, como concelleiros e concelleiras e por sentimento de país era de xustiza rehabilitar institucional, moral, xurídica e persoalmente a quen pagaron coa súa vida, sufriron a represión e tiveron que aturar inxurias e difamacións por exercer aqueles cargos públicos para os que lexitimamente foron elixidos polos veciños e veciñas de Fene.
En por iso, a corporación municipal de Fene, en sesión plenaria solemne que tivo lugar o 23 de decembro de 2006, recoñecer a legalidade e lexitimidade democrática das corporacións municipais que rexeron o noso municipio no período da II República, revogar aqueles acordos plenarios nos que se pretendeu ensuciar a súa memoria, e restituírlles a honra que o fascismo tentou deturpar.
Tal e como se manifestaba no pleno de decembro de 2006, recordar non é abrir feridas, recordar é pechalas, é situar, cando menos, aos vencidos na mesma posición da que gozan os vencedores daquela cruel guerra dende hai moitos anos, é sentirse orgullosos do noso pasado e é, en definitiva, ser xustos.
A inxustiza é inherente á historia da humanidade, pero os/as cidadáns/ás temos o deber moral de corrixila ou, cando menos, paliala na medida das nosas posibilidades.
E iso é o que facemos hoxe aquí con este acto: falar de todas aquelas xentes torturadas, represaliadas, silenciadas ou desposuídas violentamente da súa dignidade, únicamente por manifestaren o seu compromiso cos valores da igualdade, da liberdade e da súa benquerenza co país. Elas e eles conforman o noso “valeroso clan”.
Serva este acto para honrar ao alcalde Ramón José Souto González, e con él, a todas as persoas que deron a súa vida polo noso país.
Honremos a súa lembranza e o seu compromiso e non permitamos que as dificultades coxunturais que achamos diariamente na defensa das nosas libertades, na denuncia de quen queren sementar o odio e reescribir a historia, nos transporten a unha singradura do desánimo.
O futuro dará a razón a aquelas persoas que, como Ramón Souto , traballaron para construíren un país mellor, máis próspero, democrático, soberano, solidario e politícamente maduro, para decidiren e trazar o seu futuro.
O futuro, por tanto, non pode ser máis que noso, de quen, con Ramón Souto, facemos da liberdade bandeira e da igualdade e a fraternidade o noso escudo.
Fene, 16 agosto de 2021