ABANCA fai oficial o peche da oficina de San Valentín

ABANCA fai oficial o peche da oficina de San Valentín

O consistorio fletará autobuses para acudir á concentración, na que tamén participarán as persoas afectadas e os consistorios de Zas, Vimianzo e A Baña

 
 

 

ABANCA está enviándolle comunicacións a toda a súa clientela de San Valentín para informala de que a partir do próximo 8 de setembro deberán facer todas as súas operacións na oficina do Cruzamento de Fene, que xa viña sendo a de referencia nas últimas semanas ante un peche que, en principio, ía ser temporal pero que agora se confirma como definitivo. De feito, na sucursal do barrio xa se colocaron carteis co anuncio e, pouco a pouco, desde o pasado 16 de agosto, están chegando ás casas das persoas usuarias as cartas informando dun cambio que as veciñas e veciños xa sospeitaban e que motivou protestas durante todos os xoves deste verán. Porén, a coordinadora integrada por particulares e colectivos do barrio -o de maior densidade de poboación de Fene e un dos máis avellentados- non renuncia a continuar presionando e por este motivo ten previsto sumarse á concentración convocada para o próximo xoves 2 de setembro na Coruña. O Concello, aliñado coas reclamacións veciñais, fletará autobuses para acudir á manifestación e tamén levará a pleno unha moción esixindo da antiga Caixa Galicia o mantemento dos servizos bancarios no municipio, nomeadamente os de San Valentín.

 
Nesta nova acción de protesta a veciñanza de Fene non estará soa, posto que a convocatoria partiu de asociacións e gobernos municipais dos concellos de Zas, Vimianzo e A Baña onde ABANCA anunciou o peche de polo menos 8 oficinas, que se veñen engadir a outras de zonas rurais clausuradas no último ano.
 
No caso da oficina de San Valentín ata hai uns días a cousa non estaba clara. Nunha xuntanza celebrada en xullo con responsables de ABANCA a representación veciñal só sacou en limpo máis incerteza, dado que a entidade só se limitaba a dicir que "a día de hoxe" (polo 12 de xullo) a intención era reabrir, pero que non existía ningunha garantía ao respecto. 
 
Xusto despois da ponte festiva de agosto confirmáronse as sospeitas veciñais. "A partir do día 16 deste mes houbo xente que empezou a recibir as cartas informándolles de que San Valentín pechaba e que desde o 8 de setembro terían que acudir á oficina de Naturais de Fene", comenta Juan Miraz, portavoz da coordinadora creada por particulares e colectivos do barrio. "Na oficina xa colocaron o cartel de "nos mudamos", polo que o peche agora faise oficial, faltando á palabra que nos deron en xullo e na que, por outro lado, xa non tiñamos moita confianza". 
 
Estando así as cousas, e tras confirmarse o peche, a plataforma veciñal e o Goberno local acordaron unirse á protesta convocada por Zas, Vimianzo e A Baña para o próximo xoves 2 de setembro. Ás 11.30h haberá unha concentración no Obelisco dos Cantóns e despois avanzarase en manifestación até as oficinas centrais de ABANCA na Rúa Nova, situadas a escasos 100 metros.
 
O Concello porá a disposición da veciñanza que queira asistir un servizo de autobuses que requirirá inscrición previa -ata o martes- no CPS de San Valentín ou na farmacia do barrio. O xoves sairán ás 10:30h de diante da oficina agora pechada.
 
Ademais tamén está previsto levar a pleno unha nova declaración institucional reclamando o mantemento dos servizos bancarios tanto en San Valentín como no resto do municipio por unha razón "de xustiza social e histórica", tal e como dixo o alcalde, Juventino Trigo. 
 
"ABANCA é unha corporación financeira que se construíu a prezo de saldo sobre o que noutro tempo foi Caixa Galicia, unha caixa de base social que axudou a erguer Galicia cos aforros da xente traballadora. O que está pasando agora non é de recibo, ABANCA ten unha responsabilidade adquirida de servizo á veciñanza que se debe manter, especialmente en zonas como San Valentín onde hai moitas persoas maiores que só teñen ese banco preto da casa. E máis aínda despois de anunciar beneficios multimillonarios e tendo en conta que aínda está pendente de devolver o rescate bancario de Novacaixagalicia, que o pagamos todas e todos nós", sentenzou o rexedor.