O pleno municipal aproba unha moción reclamándolle a ABANCA, á Xunta e ao Estado o mantemento de servizos bancarios
03-09-2021
Un cento de veciñas e veciños de San Valentín acudiron á manifestación convocada na Coruña contra as clausuras programadas por ABANCA
Arredor dun centenar de veciñas e veciños de San Valentín e representantes do Goberno local participaron este xoves na mobilización convocada en contra dos peches de sucursais de Abanca nos concellos de Fene, Cerdido, a Baña, Zas e Vimianzo. A protesta arrancou nos Cantóns coruñeses ás 11:30h encabezada pola rexedora e os rexedores destes cinco municipios e despois avanzou cara á sede da entidade, onde se alternaron con música, cazos e bucinas as reivindicacións principais: que Abanca recúe na súa intención de clausurar oficinas e que lle garanta á veciñanza servizos e atención presencial de proximidade. A convocatoria produciuse poucas horas antes a escasas horas de que o pleno municipal de Fene aprobase por unanimidade unha moción no mesmo sentido, instando a ABANCA a reabrir a sucursal de San Valentín e pedindo da Xunta e do Estado que adopten medidas regulatorias "que atendan as necesidades da economía produtiva e aseguren o acceso da cidadanía a servizos financeiros básicos próximos".
O texto aprobado polos catro grupos municipais solicita do Goberno Galego que faga "todas as accións precisas diante da dirección de ABANCA para evitar o peche da oficina de San Valentín", o que suporía, segundo a moción, "a perda de postos de traballo e de servizos á poboación".
A este respecto a moción propón que a Xunta "exerza as súas competencias exclusivas en materia de consumo" para forzar á entidade a que preste servizos bancarios "de calidade e co persoal, as instalacións e horarios precisos", lembrando que é a poboación "máis vulnerable" -principalmente persoas de idade avanzada- quen padecerán as consecuencias do peche da oficina de San Valentín e o traslado dos seus servizos á situada en Naturais de Fene.
Alén destas cuestións, a proposta de acordo esixe de ABANCA "un papel proactivo a favor do país", tendo en conta que a entidade heredeira de Novacaixagalicia e Caixa Galicia "recibíu 9.000 millóns de euros públicos para o seu saneamento" e que, ademais, "obtén elevados beneficios ano tras ano", cuantificados en 157 millóns de euros durante o primeiro semestre do presente exercicio.
O Goberno local non acudirá á presentación de "Fillos do Océano"
Dentro da programación expositiva da Casa da Cultura-Museo do Humor, hoxe abrirá ao público a mostra "Fillos do Océano", do fotoxornalista Javier Teniente, concertada desde hai arredor dun ano con Afundación Obra Social ABANCA.
O Concello xa lle comunicou á representante zonal de Afundación que, malia agradecer a cesión temporal da exposición que permanecerá en Fene do 3 ao 29 de setembro, ningún membro do equipo de goberno asistirá ao acto de presentación ante os medios programado para as 10:00h. deste venres.
Segundo explicou Juventino Trigo, "é unha maneira máis de expresar a nosa protesta polo peche da oficina de San Valentín e de facerlle ver a ABANCA ata que punto chega o noso malestar pola súa intención de deixar a veciñanza do barrio sen un servizo tan fundamental. Tanta obra social son as accións culturais como garantirlle á veciñanza, a maioría de idade avanzada, que poida ter servizos financeiros básicos preto da casa".