Comezan as obras na Rúa dos Muíños e Dr. Francisco Malvar Vázquez
03-09-2021
O Concello habilitará unha zona de aparcamento alternativo nos terreos cedidos na Rúa da Fraga
plano restriccións tráfico
A empresa Ponciano Nieto S.L. iniciou esta semana as obras de renovación do pavimento na trama única formada polas rúas Doutor Francisco Malvar Vázquez e Muíños, onde tamén se aproveitará para cambiar a rede de saneamento. Os traballos desenvolveranse en tres fases. Unha, a xa iniciada, consistente en marcar o alcance da obra e en facer catas de comprobación da situación exacta das conducións soterradas. A seguinte fase cortará o tráfico na Rúa dos Muíños desde este luns até o día 19 de setembro -excepto para o acceso a garaxes- en ambas marxes entre o Forno O Cruce e aproximadamente o portal nº 83. O Concello solicita a colaboración veciñal para que este tramo concreto se deixe libre de vehículos a partir das 18:00h do domingo, de cara a que na mañá do luns o persoal da empresa poida traballar sen obstáculos. A terceira fase das obras, na outra metade da rúa, tamén restrinxirá o aparcadoiro e a circulación desde o 19 ao 30 de setembro. Para minimizar os inconvenientes, o Concello habilitará como estacionamento alternativo un terreo situado á beira da Rúa da Fraga.
As rúas Doutor Francisco Malvar Vázquez e Muíños son dous eixos interiores do casco urbano fenés que concentran unha alta densidade de poboación e que, no caso de Francisco Malvar, é un dos principais enlaces entre o Cruce de Fene e a rúa da Fraga.
Tal e como recolle o proxecto -adxudicado en 79.000 euros- en ambas rúas vaise botar unha nova capa de aglomerado e substituír a sinalización horizontal e vertical. Porén, previamente na Rúa dos Muíños tamén se cambiarán as canalizacións do saneamento por outras de maior diámetro e resistencia que acaben dunha vez cos problemas de atoamentos e rebordamentos de fecais que se viñan producindo na zona nos últimos anos.
Esta última parte do proxecto será a que leve máis tempo e a que obrigará a cortar a circulación na rúa desde o luns 6 até o 30 de setembro, algo que se fará en dúas veces e permitindo en todo caso a entrada e saída dos garaxes.
Así, prégaselle á veciñanza que a partir das 18:00h. deste domingo retire os vehículos estacionados en ambas marxes do tramo comprendido entre a panadaría O Cruce e o portal nº 83 da Rúa dos Muíños, que estará cortado ao tráfico rodado desde o 6 ao 19 de setembro. Nese período si estará permitido o estacionamento e a circulación na outra metade da vía e no anaco que conecta con Naturais de Fene.
A seguinte fase dos traballos de renovación do saneamento desenvolverase do 19 ao 30 de setembro, para o que tamén será necesario prohibir o estacionamento e interromper a circulación -salvo para garaxes- no tramo que vai do portal 83 ata o arranque da costa que sobe a Naturais de Fene.
Unha vez substituídas as infraestruturas soterradas, a adxudicataria botará a nova capa aglomerada tanto na Rúa dos Muíños como en Doutor Francisco Malvar Vázquez. Nese momento tamén se deberán deixar libres ambos eixos, aínda que as datas concretas -posiblemente se faga todo o traballo en dúas xornadas- dependerán de como se desenvolva o calendario previsto para as dúas fases anteriores.
Para minimizar os inconvenientes causados á veciñanza da zona, o Concello habilitará un espazo de estacionamento alternativo nos terreos cedidos hai uns meses á beira da Rúa da Fraga.