Fene non cobrará as terrazas en 2022
06-09-2021
O pleno municipal celebrado o pasado xoves levaba entre os seus puntos a proposta da alcaldía para modificar a ordenanza fiscal nº 22, reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso público por mesas e cadeiras, tribunas, tablados e outros elementos análogos, coñecida comunmente dentro e fóra de Fene como "ordenanza das terrazas" que grava anualmente a instalación destes equipamentos nas beirarrúas. O Concello xa acordara suspender o cobro para o período abril-decembro do ano pasado e agora volve facelo con efectos para o 2022, de cara a facilitar a recuperación económica da hostalaría, un dos sectores máis afectados pola pandemia. O asunto foi apoiado polos catro grupos municipais.
A decisión adóptase, en primeiro lugar, como maneira de apoiar a actividade de bares, cafetarías e restaurantes nun contexto en que os cambios nos niveis de restricións seguen ocasionándolles perdas, aínda que neste momento teñan a posibilidade de chegar ao 75% de ocupación no interior sen servizo en barra e sen que os grupos superen as 6 persoas non conviventes, ademais de poder atender o 100% nas terrazas, cun máximo de 10 persoas que non vivan xuntas por mesa.
Porén, a medida tamén se toma pensando no que poida pasar no futuro e no feito de que o sector aínda continúe nos próximos meses sometido a limitacións vencelladas á situación epidemiolóxica que haxa en cada momento.
Tal e como se indica na proposta, e á vista de que o virus segue propagándose, "non parece que a hostalaría vaia recuperar a curto prazo a situación de normalidade anterior". Por este motivo, o Concello considera "oportuno e necesario" a modificación da ordenanza fiscal que regula a taxa pola ocupación de espazos públicos con mesas e cadeiras de cara a suspender a súa aplicación durante o exercicio de 2022.
O acordo se suspensión da ordenanza fiscal nº 22 permanecerá exposto ao público durante 30 días e, de non haber alegacións, entrará en vigor ao remate dese prazo, sendo efectiva entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022.
O Concello xa aplicou a mesma fórmula o ano pasado para contribuír á recuperación da hostalaría, que deste modo se beneficiará dun aforro que pode ser substancioso en certos casos. A ordenanza indica que o prezo máximo de ocupación está establecido en 16,68€ por metro cadrado ao ano -a contía varía dependendo das zonas-, de modo que, por exemplo, un establecemento con 30 metros cadrados de terraza evitaría afrontar o pagamento duns 500 euros en 2022.