Aberto o prazo para participar nunha limpeza colaborativa na praia de Maniños que organiza a concellería de Medio Ambiente
07-09-2021
No marco do proxecto "LIBERA, unidos contra a basuraleza (residuos abandonados na naturaleza)”, a concellería de Medio Ambiente de Fene promove unha nova recollida colaborativa que terá lugar o domingo 19 de setembro a partir das 11.00 horas na praia de Maniños. As persoas que queiran participar nesta acción -que ten como obxectivo “liberar a natureza do lixo que outros tiraron e non retiraron"- poden apuntarse enviando un correo electrónico co nome completo e un teléfono de contacto a marta.pereiro@fene.gal
Trala limpeza realizada semanas atrás no Camiño Inglés ao seu paso por Fene, a campaña "1 m2 contra a basuraleza", da ong SEO/BirdLife e Ecoembes, trasládase desta vez á praia de Maniños. Inicialmente, establecerase un grupo máximo de dez persoas para cumplir cos protocolos de seguridade para facer fronte á COVID 19. No caso de que o número de inscricións fora superior ao número de prazas dispoñibles, valorarase organizar un segundo grupo para facer unha limpeza na praia de Barallobre.
Por outro lado, segundo informa a Concellería de Medio Ambiente, os materiais necesarios para a recollida (luvas e bolsas) entregaranse aos participantes ao comezo da actividade.
"LIBERA, unidos contra a basuraleza" é un programa impulsado pola ONG ambiental decana de España, SEO/BirdLife, en alianza con Ecoembes, a organización medioambiental sen ánimo de lucro que promove la economía circular a través da reciclaxe dos envases para liberar a natureza de lixo humano. O obxectivo desta iniciativa é concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais liberados de lixo.
Máis información na web do Concello de Fene, www.fene.gal