5 persoas perceptoras da RISGA reforzan desde hoxe a limpeza viaria municipal
15-09-2021
O Concello tamén clausura este xoves o obradoiro de garantía xuvenil Inicia V
O Concello de Fene puxo en marcha a comezos do verán os programas de emprego PEL Reactiva, financiado pola Deputación da Coruña, e APROL Rural -cunha achega da Xunta-, a través dos que se promove a mellora da empregabilidade de persoas que, por distintas circunstancias, teñen dificultade para atopar un traballo. Entre os dous plans facilítaselles un emprego temporal a 10 mulleres e homes desenvolvendo tarefas no departamento de Servizos e na biblioteca. A eles e elas únenselles desde hoxe outras cinco persoas perceptoras da Renda de Inserción Social de Galicia que durante os próximos nove meses reforzarán a limpeza municipal.
Este novo programa ten o obxectivo de facilitarlles a persoas en risco de exclusión social a experiencia e a práctica profesional necesarias para unha inserción laboral máis doada. Fene recibiu na convocatoria deste ano preto de 89.000 euros de axuda autonómica, cos que se cubren practicamente o 100% dos custos salariais das contratacións durante un período de 9 meses sobre un 75% da xornada.
As bases da convocatoria da Consellaría de Emprego e Igualdade establecen que os labores para desenvolver serán "servizos de interese xeral e de utilidade social competencia das entidades locais", razón pola que as cinco persoas que hoxe empezan a traballar en Fene se dedicarán a tarefas de limpeza en rúas e vías municipais. O alcalde, Juventino Trigo, e a responsable da área de Formación e Emprego, Cristina García, déronlles a benvida hai uns días nun pequeno encontro onde tamén se lles explicaron os seus cometidos durante o próximos meses.
O Concello completa desta maneira os proxectos deste ano dirixidos a quen ten maior dificultade para encontrar traballo, como son as persoas paradas de longa duración, as maiores de 45 anos, persoas sen formación ou, coma neste caso, en risco de exclusión sociolaboral perceptoras da Renda de Inserción Social de Galicia.
Neste sentido, ademais do programa que empeza hoxe, tamén están en marcha o PEL Reactiva -financiado con 104.000 euros pola Deputación da Coruña- que emprega temporalmente a sete persoas na área de Servizos e unha na biblioteca municipal, e tamén o Aprol Rural -53.500 euros, financiados ao 55% pola Consellaría de Emprego- que permitiu a contratación de dúas persoas durante 9 meses para a realización de labores de tipo forestal e de prevención de incendios.
Finaliza o Inicia V, tamén o Reinicia VII e comeza o Reinicia VIII
En relación coa mellora da empregabilidade e das competencias profesionais, Fene tamén vén compartindo nos últimos anos con outros concellos da zona os programas de formación e emprego Inicia e Reinicia, que estes días finalizan ciclo. De feito mañá xoves farase o acto de clausura e de entrega dos diplomas do Inicia V, despois de que 16 participantes -xente nova inscrita na Garantía Xuvenil- completasen un ano de formación teórica e práctica para obteren a correspondente certificación de profesionalidade en fabricación e montaxe de tubaxes industriais.
Por outra banda, o día 27 tamén remata o itinerario dual Reinicia VII, ocupado nos últimos nove meses na capacitación en Atención sociosanitaria en institucións sociais (10 participantes) e na actividade de Carpintaría e moble (outros 10), dúas opcións con grandes perspectivas de inserción laboral tanto por conta allea como por conta propia.
O remate deste obradoiro coincide coa confirmación de finanzamento por parte da Xunta para levar a cabo a seguinte edición, o Reinicia VIII, compartido por Fene, Ares, Cabanas e Mugardos. Este último concello encárgase da tramitación administrativa do programa, do que Fene xa informou hai varias semanas coa finalidade de que as persoas interesadas tivesen ao día a súa demanda no SPEG dentro dos códigos coincidentes coas accións que se van impartir cunha oferta total de 20 prazas, a metade para Atención sociosanitaria en domicilio e a outra metade en Actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.
O obradoiro de emprego diríxese a persoas maiores de 18 anos desempregadas e con empadroamento en calquera dos catro municipios promotores da iniciativa. Quen accedan ao obradoiro de emprego -o SPEG xa lle remitiu ao Concello de Mugardos o listado de persoas preseleccionadas- recibirán capacitación teórica e práctica durante 9 meses en dous ámbitos laborais con alta demanda. Ademais gozarán dun contrato de formación e aprendizaxe remunerado e dun período final de prácticas en empresas, que tamén finalizará coa obtención do correspondente certificado de profesionalidade.