A Concellería de Medio Ambiente colabora con Aetna e Betula na XIV Limpeza Simultánea de Ríos en Fene

A Concellería de Medio Ambiente colabora con Aetna e Betula na XIV Limpeza Simultánea de Ríos en Fene

A XIV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” desenvolverase este ano en 51 concellos de toda Galiza, e participarán máis de 65 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…). Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados, aínda que tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta décimo cuarta edición. A limpeza será este domingo, 26 de setembro, e mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 51 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.

En Fene coordinan a limpeza as Asociacións BETULA e AETNA. Para participar, cómpre anotarse (por whatsapp ou telegram) nos teléfonos de Betula 651 884 692 (Xavi) / 605 3556 50 (Lan) ou no de Aetna 610 364 551 (María José), indicando nome, apelidos e DNI das persoas participantes maiores de idade (os menores deberán estar acompañados por unha persoa adulta). Unha vez rexistrados, os participantes reuniranse o domingo ás 10.30 horas no polígono de Vilar do Colo, fronte á nave de Salvamento Marítimo (Betula) ou á mesma hora no local social de Maniños (Aetna) para organizárense e repartir os treitos dos ríos Cádavo e Baa onde se realizará a limpeza ese día. 

En relación cos protocolos de seguridade e hixiene para facer fronte á Covid 19, dende o Proxecto Ríos recomendan que os grupos sexan de 10 persoas como máximo e que se respecte, sempre que sexa posible, unha distancia de 1,5 m. Ademais, o uso de máscara será de obrigatorio para todas as persoas participantes e cada persoa voluntaria deberá levar as súas propias luvas.

Os/as voluntarios/as serán agasallados cunhas camisolas co lema da limpeza.

Máis información na web http://proxectorios.org/limpeza/ onde se especifica que é a limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordenadores/as, e as entidades participantes e colaboradoras.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos, proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.