A novela negra de Antonio Tizón poderá escoitarse a través da emisora municipal de Fene.
27-09-2021
O podcast Os incurábeis estreouse hoxe, luns 27 de setembro, en Radio Fene.
Fotografía de Xan Xe Corral: Parte do elenco de "Os Incurábeis". Merlín e familia
Tátase dunha adaptación radiofónica realizada por Antonio Tizón a partir da novela do mesmo autor e con idéntico título publicada en outubro de 2020 por Edicións Xerais de Galicia. É esta a terceira entrega dunha serie que ten como protagonista principal o policía Xosé Sánchez Pereiro, unha pentaloxía que, en clave de xénero negro, pretende abordar, dende distintas perspectivas, o tema catalizador, que non único, da enfermidade mental. Outras temáticas recorrentes destas obras son a corrupción política e moral, a impunidade do poder fronte ao crime, a degradación ambiental ou a especulación urbanística. Ademais de Os incurábeis (2020), pertencen a esta serie as novelas, xa publicadas, A antesala luminosa (2015) e Un home estraño (2018), e dúas obras máis aínda pendentes de publicación.
Máis de 50 persoas participaron na gravación deste podcast que conta con 86 capítulos de 12 minutos de duración cada un. Poderá escoitarse no 107.7 da FM e tamén a través da internet na web www.radiofusion.gal ás 9 e ás 21:00 horas a partir de hoxe, luns 27 de setembro.
Unha iniciativa que forma parte do proxecto “O meu libro” de captación de novos públicos para a literatura galega. Trátase da primeira obra da literatura galega adaptada ao podcast, un formato de éxito desde que a BBC apostou en 2004 por este tipo de programas. A trama da novela, publicada por Xerais en outubro de 2020, comeza co asasinato dunha muller na Coruña. O inspector Sánchez Pereiro investiga o caso que se vai desenvolvendo en distintas localizacións do barrio dos Castros. A corrupción política e tamén o padecemento causado polas doenzas mentais aparecen nesta obra adaptada para o podcast polo mesmo Antonio Tizón.
Colabora o Circulo Mercantil e Industrial Unidade de Fene e a Deputación de A Coruña.