O Concello demanda o reforzo urxente do transporte metropolitano
29-09-2021
-
O consistorio denuncia que a a concesionaria UTE Hércules Norte non cobre as necesidades do estudantado dos IES de Fene (situado en Barallobre) nin tampouco as das viaxeiras e viaxeiros que fan o traxecto Ferrol-Coruña en horas punta
-
O alcalde, Juventino Trigo, expuxo a situación na Mancomunidade como "un problema de toda a comarca" que require solucións
-
O Goberno local de Fene levará as demandas das usuarias ao próximo pleno municipal, instando á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade a que tome cartas no asunto
A posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano acometida pola Xunta o ano pasado supuxo unha reestruturación completa do mapa de concesións de todo o país. As zonas distribúense entre grandes empresas e unións temporais doutras máis pequenas para atender tanto o transporte de viaxeiros como o transporte escolar. No caso de Fene o servizo adxudicóuselle á UTE Hércules Norte -operado por Monbús e outras- e o cambio trouxo, de momento, máis problemas que beneficios, como por exemplo que parte do alumnado do instituto de Barallobre quede en terra porque o bus é moi pequeno -ademais de deixar a rapazada a 800 metros do centro- ou que ocorra o mesmo no traxecto Ferrol-Coruña nas horas de maior demanda, ademais dos retrasos que acumula a liña de primeiras horas da mañá. A situación obedece, segundo o Concello, á falla de capacidade da concesionaria para atender en tempo e forma as necesidades de persoas traballadoras e estudantes. Por este motivo, desde o Goberno local demándase a intermediación da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, ademais de instar á empresa adxudicataria do transporte metropolitano a que cumpra coas condicións do servizo.
O problema foi exposto onte por Juventino Trigo á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol aproveitando o acto de presentación do Plan estratéxico da economía social de Ferrolterra. Para o rexedor trátase dunha situación que require "unha solución urxente" que, ademais, debe ser abordada como "un problema que lle afecta tanto a Fene como ao conxunto dos concellos da zona".
Xa antes do verán a Mancomunidade promovera unha xuntanza coa Dirección Xeral de Mobilidade para tratar as queixas polas deficiencias no transporte que daquela se achacaban aos problemas propios do arranque dun plan completamente novo. A Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade comprometeuse a facer un seguimento exhaustivo do seu funcionamento e emprazou aos municipios a fixar unha segunda reunión coincidindo co arranque do curso para ver se as incidencias quedaran solucionadas.
Porén as incidencias non fixeron máis que acrecentarse. Neste momento, no caso de Fene, hai dúas frontes abertas co transporte metropolitano. Por un lado está o alumnado que vai ao IES de Fene, situado en Barallobre, que moitas veces queda en terra porque o bus non ten capacidade para levar a todos os mozos e mozas, "algo que se solucionaría cun autocar de máis prazas", apunta Juventino Trigo, quen tamén mantivo un encontro coa ANPA do centro para forzar á Xunta e á empresa concesionaria "a que se arranxe o problema". Como cuestión engadida o rexedor tamén indica que o alumnado baixa nunha parada situada a máis de medio quilómetro do centro, mentres que antes -cando o servizo o xestionaba Arriva- "o bus desviábase minimamente para deixalos na porta do instituto".
A outra fronte é a que se refire ás usuarias e usuarios que usan o bus para ir e vir diariamente da Coruña, sobre todo persoal funcionario e estudantes. No seu caso repítese a instantánea: buses sen capacidade para levalas a todas e todos e, ademais, "un percorrido que cambiou e que non lles garante chegar en hora para entrar no traballo ou na facultade".
Neste sentido, Juventino Trigo instou á Mancomunidade a que se solicite de inmediato o segundo encontro comprometido coa Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade "para que tome cartas nun asunto que xa coñece e que nos consta que a Xunta tamén quere solucionar urxentemente. Nesa xuntanza trasladaríamoslle cales son os problemas concretos que hai e propostas para solventalos".
Moción plenaria
Ademais, o Grupo de Goberno do Concello de Fene tamén preparou unha moción que se levará ao pleno da próxima semana -avalada en comisión tamén pola oposición- demandando da empresa adxudicataria do transporte metropolitano "o cumprimento cos horarios establecidos" e solicitando un encontro coa conselleira de Infraestruturas e co director xeral de Mobilidade ao que asistan a ANPA do IES e a plataforma de usuarios do transporte público da comarca de Ferrolterra "para trasladar o malestar xeralizado e pedir que se efectúen as inspeccións e correccións necesarias no servizo" coa finalidade de satisfacer as necesidades do estudantado e dos traballadores e traballadoras que usan a diario o transporte por estrada.
O texto tamén ratifica o seu apoio ás teses da plataforma -que convocou para este xoves ás 20:00h unha concentración "por un transporte público digno" na estación de autobuses de Ferrol- e mesmo propón a presentación dunha demanda colectiva perante Consumo ao respecto do funcionamento do servizo de transporte.