Os traballadores de Electro Rayma solicitan o apoio do Concello de Fene para desbloquear unha situación que ameaza 150 postos de traballo na comarca
14-10-2021
Representantes do Comité de Empresa reuníronse esta mañá cos catro grupos municipais
Traballadores e representantes do comité de empresa de Electro Rayma reuníronse esta mañá cos grupos municipais feneses para expoñerlles a situación que atravesa a empresa e solicitarlles o seu apoio de cara a desbloquear unha difícil situación económica que ameaza a continuidade de 150 postos de traballo na comarca. Segundo explicaron, ao parecer a firma naronesa ten pendentes de cobrar 4,7 millóns de euros debido ao desacordo de Navantia en canto aos sobrecustes dos traballos efectuados nos AOR australianos. Unha débeda que se tería traducido en impagos a Facenda -cos conseguintes embargos que lle impiden á empresa optar a novos contratos públicos-, pero tamén nos primeiros impagos de salarios aos traballadores. Así as cousas, a representación laboral solicitou o apoio da corporación fenesa e doutros concellos para exercer presión política de cara a que Navantia e Electro Rayma "senten falar" e atopen unha solución negociada á actual situación.
A empresa especializada en mantementos eléctricos demandou en maio pasado por vía xudicial o pagamento de 4,7 millóns de euros polos sobrecustes dos traballos nos buques de aprovisionamento para a Armada australiana. A denuncia chegou despois dun ano de negociacións infructuosas nas que, porén, Navantia só recoñeceu un 10% da contía esixida.
"Os traballos están aí, fixéronse, e houbo moitísimas reformas. Houbo que desfacer moitas veces o feito para volver cambiar cousas porque se cambiaban os planos. Somos testemuños das ampliacións de obra que houbo. Cremos que se as dúas partes queren, os traballos poden tasarse e chegar a un acordo. Nós non nos metemos tanto na cantidade que dixo Rayma no seu día -os 4,7 millóns de euros- pero si cremos que cun informe externo, cun equipo de peritación, se as dúas partes queren pode solucionarse a cuestión. Non fai falla chegar ao xulgado xa que alí tamén se vai facer unha tasación, entón ¿por que non dar o paso agora?", pedía esta mañá o presidente do Comité de Empresa de Electro Rayma, Roberto Montero.
Segundo os traballadores, o impago de Navantia abocou á empresa a adquirir débedas "coa Seguridade Social e con Facenda" que bloquean a posibilidade de optar a novos contratos públicos dentro e fóra dos estaleiros e que, ademais, está repercutindo nas nóminas: "estamos sen cobrar e a empresa está practicamente en creba polos impagos dos buques australianos. Xa tiñamos unha paga extra aprazada e este mes aínda non cobramos, e incluso algúns traballadores que finalizaron os traballos nos AOR non se lles pagaron os finiquitos", comenta Montero.
Electro Rayma ten na zona de Ferrol 150 traballadores -95 deles indefinidos- aos que se engaden outros preto dun cento na Baía de Cádiz. A parte laboral denuncia a "falla de sensibilidade" de Navantia co mantemento do emprego. "Están apretando as empresas de tal maneira que non sabemos ata onde van chegar, porque todos os problemas disto se trasladan aos traballadores desta comarca".
Por todas estas razóns os traballadores queren que a dirección de Navantia en Madrid "saiba o que está ocorrendo" e neste sentido están mantendo contactos cos municipios da zona para solicitar o seu apoio, co obxectivo de buscar unha solución negociada ao problema que, de non producirse por vontade de ambas partes, sexa forzada pola presión política levando o asunto ao Parlamento estatal.
No encontro mantido esta mañá na Casa do Concello de Fene, os catro grupos con representación municipal -BNG, PP, PSdeG-PSOE e EU- aliñáronse de maneira unánime coas demandas dos traballadores. O alcalde, Juventino Trigo, comprometeuse a "mediar ata onde poidamos" na resolución dun problema que tamén se abordará no pleno da Mancomunidade deste luns, para que sexa este organismo "ou ben os concellos de Fene, Ferrol e Narón" quen soliciten unha xuntanza urxente coa dirección da empresa pública. "É un problema puramente económico, un problema de valoración duns traballos. Navantia e Electro Rayma teñen que poñerse de acordo ou ben optar por un árbitro que diga canto son esas cantidades e aboalas canto antes", dixo o rexedor fenés ao tempo que expresou o apoio da corporación "ás mobilizacións convocadas polos traballadores".