O consistorio facilitaralles ás asociacións un modelo de plan de continxencia da Covid19 adaptado ás súas necesidades
O Concello asesora ás entidades para afrontaren a nova normalidade
21-10-2021
Semella que pouco a pouco imos avanzando cara a unha nova normalidade que nos seguirá esixindo tomar certas precaucións para evitarmos repuntas da pandemia. A Xunta avanzou que en cuestión de días se desactivará a situación de emerxencia sanitaria e que mesmo poderían eliminarse as cabidas e outras restricións para certas actividades. Con todo, a incerteza sobre o futuro pesa, e moito, e a día de hoxe ninguén pode certificar que á volta dunhas semanas vaiamos estar como antes de marzo do 2020. Así as cousas, o Concello de Fene convocou esta semana a todas as entidades veciñais do municipio para facilitarlles pautas xerais que lles permitan retomar o seu pulso normal coas máximas garantías de seguridade. Nunha xuntana celebrada o pasado martes no salón de plenos, á que asistiron o alcalde e a concelleira de Seguridade, achegóuselles ás sociedades información sobre como aplicar os plans de continxencia contra a Covid19 e, ademais, o Goberno local tamén adquiriu o compromiso de proporcionarlles documentación de guía adaptada ás súas necesidades.
Ao encontro convocado polo Concello acudiron representantes da AVV Limodre, da Liga de Amigos de Barallobre, do CPS de San Valentín, da sociedade Agarimo de Sillobre, do Pote de Maniños, da asociación veciñal San Xurxo de Magalofes e dos colectivos Airiños de Fene e CMI Unidade. Á cita foron chamadas só as entidades veciñais e culturais, posto que os clubes xa teñen definidos os seus propios protocolos de seguridade deseñados polas federacións, ademais dos que se aplican nas instalacións deportivas, na súa maior parte de titulariedade municipal.
Os plans de continxencia da Covid19 son algo así como protocolos de seguridade que deben poñerse en práctica para evitar novos contaxios que poidan producirse a raíz de actividades organizadas polos colectivos, como por exemplo obradoiros, eventos con público e calquera outra cita que se propoñan organizar agora que a situación se vai aliviando, independentemente das medidas que adopten as autoridades sanitarias en cada momento de acordo cos datos de incidencia xeral.
Cada entidade debe ter o seu plan, que se traduce nunha serie de medidas adaptadas ao tipo de actividade e ao espazo onde se desenvolva, ademais de asegurar que todas as persoas participantes estean debidamente informadas e poñan en práctica as accións preventivas definidas no documento. Hixiene de mans e respiratoria, limpezas obrigatorias e tempos de ventilación dos espazos, uso da máscara, distanciamento interpersoal e outras cuestións aparecen nos plans de continxencia perfectamente protocolizadas.
Un técnico da empresa Previnem debullou no serán do martes en que consiste un plan de continxencia,cal é o seu contido e as directrices sobre como debe elaborarse tendo en conta que boa parte das entidades fenesas teñen en marcha algunhas programacións e practicamente todas elas están xa mans á obra preparando eventos de cara ao Samaín ou o Nadal. "A veciñanza demanda que se vaia recuperando a normalidade no tecido asociativo tan vivo que temos en Fene e que leva ano e medio agardando para retomar o seu funcionamento nunhas condicións máis ou menos estables e normais. Pero iso é algo que debe facerse coa máxima seguridade", apuntou o alcalde, Juventino Trigo.
Nesta última cuestión, o rexedor e a a concelleira de Seguridade, Sandra Permuy, comprometeron "todo o apoio técnico para que as asociacións dispoñan dun plan de continxencia axeitado ás súas necesidades". De feito, o Concello xa fixo medicións nos locais e dependencias veciñais para calcular cabidas e tamén lles solicitou ás directivas que comunicasen o antes posible as programacións que teñen previsto levar a cabo, co obxectivo de entregarlles practicamente elaborado cadanseu plan.
"Hai moita normativa, moitas cousas que se deben ter en conta e o menos que pode facer o Concello é facilitarlles as cousas ás asociacións, que xa teñen abondo co traballo de volver poñer en marcha as programacións que tiñan antes da pandemia", remata Permuy.