O Concello de Fene licita a xestión do Punto Limpo de Vilar do Colo, compartido con Cabanas e Ares
05-11-2021
A plataforma de contratación do Concello de Fene ten publicado desde hai uns días o procedemento mediante o que se seleccionará a empresa xestora do Punto Limpo do Vilar do Colo tras case nove anos de tentativas infructuosas para poñelo en marcha. Finalmente serán Fene, Cabanas e Ares quen compartan o servizo e asuman proporcionalmente os seus custes, logo de asinaren en abril pasado o correspondente acordo de colaboración intermunicipal. No documento delegábase no concello fenés a tramitación dun contrato cuantificado en algo máis de 207.000 euros, IVE incluído, para o conxunto dos próximos tres anos. As empresas do sector poden presentar as súas ofertas á baixa sobre ese prezo até as 23:59 h do próximo 15 de novembro, tendo en conta que, ademais da xestión das instalacións e o tratamento dos refugallos, tamén se lles esixirá incorporar persoal con dificultades de inserción no mercado laboral.
Os pregos técnicos establecen as características do servizo que a adxudicataria deberá prestarlle de balde á veciñanza dos tres concellos durante 25 horas á semana, en horario de luns a venres de 16 a 20:00h e os sábados de 9 a 14:00h.
Os refugallos domésticos que se poderán levar ao Punto limpo -electrodomésticos vellos, entullos de pequenas obras, pilas, aerosois, etc- están recollidos no regulamento de funcionamento do centro, onde se sinalan ata 24 tipos de restos, ademais das cantidades máximas anuais. Para algúns deles non haberá tope, como por exemplo os frigorífcos, televisores e pequenos aparellos avariados, as pilas e baterías, as lámpadas fundidas ou os restos de podas, entre outros.
A empresa deberá atender ás persoas usuarias, clasificar os materiais recollidos e encargarse logo do seu correcto tratamento trasladándoos a centros autorizados. Tamén asumirá a levanza dos correspondentes rexistros e o mantemento tanto das instalacións como das condicións laborais do persoal que destine ao servizo. Neste sentido indícase que as contratacións -por parte da empresa, non da Administración- deberán facerse entre colectivos con dificultade para atopar traballo.
A licitación que se encontra na fase de recepción de ofertas até o próximo día 15 fixa un prezo base de 207.175,08 euros, IVE incluído, para a totalidade da vixencia do contrato, estipulada nun máximo de tres anos (dous máis un de posible prórroga). O importe económico seguramente se vexa rebaixado nas distintas propostas, dado que a adxudicataria terá posibilidade de capitalizar aqueles restos que sexan vendibles, aínda que sempre remitindo información ao Concello sobre o destino dos mesmos, os pesos e os ingresos obtidos.
A este respecto cómpre sinalar que non se poderán dedicar á compravenda en primeiro termo aqueles refugallos que deban entrar no circuito de economía circular, segundo o programa que o Concello de Fene está deseñando neste momento co obxectivo de posibilitar a reutilización de restos en bo estado -principalmente electrónicos e voluminosos- aos que aínda lles quede vida útil.
En calquera caso, a contía que resulte do proceso de adxudicación sufragarase proporcionalmente en base á poboación de cada municipio, de maneira que Fene asumirá o 58,57% dos custos, Ares o 26,53 e Cabanas o 14,90%.
Segundo Juventino Trigo, a licitación do contrato de xestión do servizo do Punto limpo do Vilar do Colo "achéganos máis á data en que poida entrar en funcionamento tras nove anos de vicisitudes". O rexedor apunta que, "se todo vai ben", a parte administrativa debería quedar lista a principios de ano, de maneira que o centro estaría en disposición de botar a andar antes da primavera. "Coa historia que acumula este proxecto preferimos ser prudentes nos prazos, pero os primeiros meses de 2022 son unha previsión máis que realista", apunta o rexedor.