Fene consegue tres Flores de Honra no certame Vilas en Flor, en recoñecemento do seu compromiso cos espazos verdes

Fene consegue tres Flores de Honra no certame Vilas en Flor, en recoñecemento do seu compromiso cos espazos verdes

Este mércores entregáronse na localidade ourensá de Allariz os galardóns do certame Vilas en Flor organizado pola Fundación Juana de Vega para premiar aquelas actuacións desenvolvidas por municipios de menos de 40.000 habitantes en relación co paisaxismo e coa integración das árbores, plantas e flores nas súas tramas urbanas. No seu segundo ano de participación, o Concello de Fene recolleu tres Flores de Honra, unha máis que en 2020, ano en que se estreou no concurso.

Vilas en Flor é un certame anual organizado pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Asociacion de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar). O seu obxectivo é recoñecerlles aos concellos as boas prácticas na posta en valor da súa paisaxe urbana e rural.

Na edición 2021, a cuarta que se celebra en Galicia, inscribíronse un total de 30 municipios á procura das cinco Flores de Honra, máximo galardón que se pode obter dependendo do grao de compromiso municipal cos espazos verdes, a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación veciñal co coidado do entorno.

Neste sentido, o xurado profesional do certame destacou no caso de Fene "o valor que se lle dá á diversidade botánica nos seus espazos verdes e ás novas plantacións", así como a distribución de "agradables e coidados parques" repartidos por todo o territorio.

Ademais desta caracterización xeral, a acta sinala como cuestións que se tiveron en conta, entre outras, o aproveitamento da ribeira do Cádavo "para dotar o concello dun bonito parque liñal que se axardinou de forma sinxela e acaída á zona", a "atractiva proposta" para converter o cemiterio municipal "nun amplo e agradable parque no que se integran á perfección as construcións fúnebres e a vexetación" e tamén o "esforzo" por estender o coidado da paisaxe "máis alá do núcleo urbano principal".

O xurado valorou especialmente "as restauracións do patrimonio cultural, como os muíños" e o "tacto" co que se trata desde o Concello a vexetación autóctona nas zonas axardinadas anexas. Neste sentido recálcanse como "moi interesantes" os coidados cos que se xestionan os fieitos autóctonos "de cara á súa recuperación e conservación".

Por todo isto, Fene foi merecente de tres Flores de Honra -unha máis que en 2020- cuxo diploma acreditativo lle foi entregado en Allariz á responsable municipal de Servizos, Mar Piñeiro Otero.

Preto de nós tamén participaron este ano no certame os concellos de Narón e San Sadurniño, con tres flores cada un, Pontedeume (2) e Miño e Ortigueira, que recibiron cadansúa Flor de Honra.