Ruta lavandeiras. QR5
26-11-2016
O proceso do lavado comezaba, de madrugada, coa luz dun candil cando aínda non se vía, lavaban o máis gordo. Isto coñécese co nome de ESGROMAR que consistía en enxaboar a roupa e deixala con xabón varias horas co fin de que a sucidade amolecese.
Logo facían a COLADA. Aquí en Sillobre falábase de facer a BOGADA.
Dispoñían dun recipiente de madeira que lle dicían TINA ou BALSA cun caño a modo de desaugadoiro no inferior.
Cubríase o fondo e paredes interiores con trapos e alí colocábase a roupa a clarear.
Tapábase despois cuns trapos limpos e enriba destes un pano de lenzo forte que facía o traballo de coador.
A forma máis común era a de cribar primeiro a cinza e botala nun caldeiro de cobre con auga quente con escamas de xabón ata que fervese. Batíase e cando a cinza estaba ben disolvida botábana na bañeira.
Filtrada esta auga con cinza a través da roupa, recollíase polo cano e repetíase a operación como mínimo tres veces.
A roupa quedaba dentro da bañeira toda a noite e a mañá seguinte volvían con ela para o lavadoiro.
Outra vez, enxaboar todo e aclarar unha e outra vez, rascando na pedra do lavadoiro.
Tras isto, o CLAREO, coa debida atención de botar a auga para que non se secase e clarease ben.
Despois do clareo, volta a enxugar para por fin pasar ao secado, sempre situando en lugares altos e ben aireados con toxeiras preparadas para que a roupa non se estragase.