O alcalde de Fene participou o pasado mércores na inauguración do V Galician Offshore International Hub
03-12-2021
Na súa intervención, Juventino Trigo demandou impulsar de forma racional a industria da eólica mariña para que xere maior valor engadido e riqueza na nosa comarca.
Juventino Trigo saudou a escolla da nosa comarca para esta quinta edición do Galician Offshore International Hub, convertendo a Ferrolterra na sede dun dos máis importantes foros de análise, reflexión e intercambio de experiencias sobre o presente e o futuro do mercado eólico offshore.
Na súa intervención o rexedor fenés salientou, “nuns momentos nos que camiñamos cara un cambio de paradigma no modelo enerxético, empresas e administracións temos que comprometernos máis que nunca coa “green deal”, co pacto verde europeo, na procura dunha economía limpa baseada nas enerxías renovables, nas cero emisións, en protexer o nos hábitat natural como única vía para mellorar o benestar das persoas e a sustentabilidade das empresas.”
Trigo cualificou a industria eólica mariña como “ un espazo de oportunidade e unha comarca que quere aproveitalo. Somos conscientes da potencialidade da industria vencellada á eólica mariña pero tamén sabemos que os contratos internacionais que se están desenvolvendo en Fene son os que xeneran menor valor engadido.”
Durante o encontro, o alcalde fenés incidiu en que “contamos con espazo e instalacións industriais, man de obra cualificada, universidade, centros de investigación... Isto é, témolo todo para animar ás empresas a investir naqueles subsectores, como a eólica flotante, que xeren máis valor engadido e que aproveiten que o “know how” está aquí, de onde saíron algúns dos primeiros proxectos. Xa que logo, é imprescindible remar nesta dirección así como nos estudos de viabilidade para que a implantación da eólica mariña nas nosas costas non prexudique o enorme potencial pesqueiro e marisqueiro das nosas rías.”
Juventino Trigo rematou a súa intervención facendo fincapé en que “esta aposta pola eólica non nos fai perder de vista que sabemos facer barcos. Non renunciamos á construción naval, sector estratéxico polo emprego que xera coma pola demanda de bens de equipo e sistemas tecnoloxicamente moi avanzados. Un sector que precisa que a Unidade Mixta de Investigación deixe de ser un programa temporal, con períodos en stand-by, e pase a converterse no máis que demandado Centro Tecnolóxico permanente. Como tampouco queremos perder de vista a importancia da reciclaxe. As palas asociadas aos muíños de vento poden converterse nun serio problema a curto e medio prazo se non comezamos a traballar, dende xa, en como reutilizalas. Temos que ver a reciclaxe como outra ventá de oportunidade para a I+D+I.”