O Concello de Fene facilitará a construción de vivendas unifamiliares en varias zonas do rural
O cambio posibilitará a construción de 160 vivendas unifamiliares "de xeito "equilibrado e sostible" e virá corrixir unha eiva histórica do actual planeamento fenés
07-12-2021
O pleno municipal aprobou co apoio dos tres partidos do goberno e a abstención do PP a delimitación das cinco novas áreas de solo de núcleo rural dos Buios, O Redondo, O Feal, Lubián e O Piñeiro
Deste modo iníciase o trámite de modificación puntual do PXOM, que estará exposta ao público durante un prazo de dous meses trala súa publicación no Diario Oficial de Galicia
O Goberno local de Fene levou a pleno o xoves pasado o inicio do trámite de revisión parcial do actual planeamento urbanístico co obxectivo de crear cinco novas zonas de núcleo rural en Magalofes, Sillobre e Maniños. A proposta de modificación puntual do PXOM -aprobada só co apoio de BNG, PSOE e EU- pretende desbloquear a posibilidade de novas construcións unifamiliares nos Buios, O Redondo, O Feal, Lubián e O Piñeiro, mentres se avanza na elaboración do novo planeamento urbanístico de Fene. De feito, a modificación que agora se promove quedará incorporada ao futuro PXOM, contemplando ademais os usos terciarios do chan que require a posta en marcha de pequenos negocios.
O actual planeamento Fenés data de 2003 e desde aquela só se fixo unha modificación de usos referida ao polígono do Vilar do Colo. O Concello iniciou hai máis dunha década os traballos para refacer por completo o PXOM e adaptalo á realidade socioeconómica e demográfica do territorio. Porén, tal e como apunta o titular da área de Urbanismo, Manuel Polo, ese labor "estase demorando pola propia complexidade técnica de levalo a cabo, polos cambios normativos que se produciron nos últimos anos e tamén polas sucesivas mudanzas no goberno municipal". "Agora a cousa está encauzada, aínda que levará o seu tempo. Por iso é prioritario facer modificacións parciais que se poidan incorporar ao futuro PXOM e que permitan responder ás necesidades da veciñanza nun prazo de tempo máis curto".
A modificación puntual do PXOM que foi a pleno o xoves pasado busca corrixir o problema de fondo do planeamento de 2003, no que figura unha grande cantidade de solo urbano e pequenas zonas delimitadas como solo de núcleo rural, pero non suficiente espazo para vivenda unifamiliar . "O PXOM de 2003 prevía un crecemento do centro de Fene e delimitaba núcleos rurais contando con que as parroquias ían medrar pouco. O planeamento non foi capaz de anticipar e definir a maneira en que debía medrar a zona de transición entre o urbano e o rústico e por iso non dispón de chan para a construción de vivendas unifamiliares fóra das áreas de planeamento específico do urbano", explica Polo. "É algo contraditorio coa realidade do propio asentamento poboacional e é algo ao que lle queremos dar solución con esta modificación", engade.
A grandes trazos, a proposta debatida na sesión oriéntase a transformar o actual solo urbano e parte do rústico de Magalofes nunha mesma cualificación como solo de núcleo rural, para que toda a zona edificada da parroquia conte cunha planificación urbanística equilibrada e sostible que permita a construción de vivenda unifamiliar, ademais de recoller os usos terciarios que amparen actividades económicas de profesionais, talleres, comercio, hostalaría, etc.
En Magalofes delimitaranse como solo de núcleo rural, polo tanto, as áreas dos Buios, O Redondo e O Feal. A elas engádese o núcleo colindante de Lubián, en Sillobre, e tamén o de Piñeiro, en Maniños. "Lubián e Piñeiro quedaron no actual PXOM como solo rústico, sen posibilidade de edificar. O seu paso a solo de núcleo rural permitirá a conservación adecuada das vivendas, a súa revalorización e mesmo a edificación de algunha vivenda nova ademais de permitirse usos terciarios", comenta Manuel Polo.
As estimacións municipais apuntan a que as novas delimitacións urbanísticas en Magalofes, Sillobre e Maniños posibilitarán a construción de ata 161 vivendas unifamiliares.
Alegacións e informes sectoriais
A delimitación destas cinco áreas de solo de núcleo rural implicou levar a cabo novos traballos cartográficos e de planimetría, desenvolvidos pola empresa Arqyur S.L. mediante un contrato adxudicado o ano pasado. A documentación preparada pola empresa foi a que serviu de base para adoptar o acordo plenario do pasado xoves.
A súa efectividade non será inmediata, senón que está suxeita a prazos que non dependen exclusivamente do Concello. En primeiro lugar a proposta deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia -seguramente nestes días- de maneira que se abrirá un período de exposición pública de 2 meses para que as persoas interesadas presenten as alegacións que estimen oportunas.
Ademais, o Concello tamén deberá solicitar os informes sectoriais de ata quince departamentos autonómicos e estatais afectados -Xunta, Fomento, Deputación, AXI, Costas, etc.-, de cara a obter o beneplácito para os cambios propostos.
A aprobación inicial tamén implica a suspensión automática de licenzas nos ámbitos territoriais que se propoñen modificar desde o punto de vista urbanístico. Con todo, a suspensión non será de aplicación para obras de mantemento, conservación e reforma (agás que sexa unha reconstrución integral). Tampouco se aplicará se se trata de licenzas de primeira ocupación ou se son proxectos que cumpren simultaneamente o contido do PXOM de 2003 e o do novo escenario urbanístico. En calquera caso, a suspensión non poderá sobrepasar os 2 anos, aínda que nese tempo non se chegue a aprobar definitivamente a modificación puntual.
Desde o Concello agárdase que non haxa que agardar tanto e que a aprobación definitiva "poida lograrse no prazo máis breve posible". Segundo o responsable de Urbanismo, Manuel Polo “este é un avance importante para o futuro desenvolvemento urbanístico de Fene. Pasamos de anos de paralización á acción firme e decidida para transformar o noso municipio no concello residencial e con calidade de vida que todos desexamos".