O Concello de Fene reúnese con Suelo Empresarial del Atlántico para abrir novas vías de colaboración entre ambas entidades
11-01-2022
O alcalde, Juventino Trigo, o concelleiro Manuel Polo e a concelleira Mar Piñeiro reuníronse este luns coa xerente da sociedade pública Suelo Empresarial del Atlántico S.L., Beatriz Sestayo, para tratar varias cuestións relacionadas co chan de titulariedade estatal no municipio. Na xuntanza solicitada polo Executivo local abordáronse distintas liñas de colaboración referidas tanto ao polígono do Vilar do Colo -de cuxa xestión se encarga SEA- como a outras parcelas propiedade da Sociedade Estatal de Promoción e Equipamento do Solo (SEPES) que se encontran na zona urbana, nomeadamente na Avenida do Tarrío.
O rexedor local cualificou o encontro como "moi produtivo", dado que, segundo dixo, "sentamos as bases para establecer un diálogo máis fluído coa empresa xestora do chan empresarial do Vilar do Colo de cara a dinamizar aínda máis o polígono, sobre todo no que se refire á súa urbanización e dotacións".
Trigo engade que a reunión mantida onte con Beatriz Sestayo na Casa do Concello foi resultado dunha petición cursada polo Goberno fenés co obxectivo de "falar de máis cuestións" e explorar outras vías de colaboración entre o Concello, a SEPES e a propia sociedade Suelo Empresarial del Atlántico S.L. como empresa pública encargada da xestión do chan de propiedade estatal.
Neste sentido, segundo o alcalde, tamén se tratou "o futuro" doutras parcelas situadas na trama urbana de Fene, concretamente nas inmediacións da Avenida do Tarrío -a rúa do Centro de Saúde-, na liña de "promover novos usos para elas que contribúan ao desenvolvemento social ou económico do noso concello".
A reunión de traballo serviu para poñer enriba da mesa "temas de interese común que serán analizados en próximos encontros", tal e como avanzou pola súa banda a xerente de SEA, Beatriz Sestayo.
Para a definición do calendario e o seu contido haberá que agardar a que se produza o relevo na dirección da SEPES, xa que está previsto que o Consello de Ministros deste martes designe oficialmente a Fidel Vázquez Alarcón como novo director xeral da entidade estatal do solo, dentro da remodelación de varios órganos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana emprendida pola ministra Raquel Sánchez.