11 concellos da comarca de Ferrolterra, Eume e Miño exísenlle a Xunta que o transporte público e escolar recupere de inmediato as liñas e horarios que tiña ata hai un ano

11 concellos da comarca de Ferrolterra, Eume e Miño exísenlle a Xunta que o transporte público e escolar recupere de inmediato as liñas e horarios que tiña ata hai un ano

Os rexedores de 11 municipios das comarcas de Ferrol e o Eume, ademais do de Miño, reuníronse na mañá do venres 14 de xaneiro en Pontedeume para abordar os problemas có transporte público de viaxeiros e escolar e, neste sentido, para esixirlle á Xunta de Galicia que estes servizos recuperen as liñas e frecuencias existentes até hai un ano, momento no que entrou en vigor o novo mapa de itinerarios e concesións do Transporte Metropolitano de Galicia.
 
Na xuntanza, á que asistiu Juventino Trigo, criticouse a "actitude de desleixo" por parte da Dirección Xeral de Mobilidade e cualificouse a actual situación como "esperpéntica", habida conta de que unha auditoría efectuada recentemente amosou discrepancias entre o deseño das liñas enviado pola Xunta e o plan de traballo da UTE concesionaria na nosa zona.
 
Nun comunicado emitido trala reunión, os once rexedores subscriben a denuncia de que o transporte público por estrada sofre "moitas deficiencias", ademais de atoparse nunha "situación lamentable que empeora cada mes".
 
Os asinantes reiteran o seu compromiso de "continuar facendo un seguimento exhaustivo do problema" xa que, segundo se puxo de manifesto no encontro, o servizo a día de hoxe "é totalmente insuficiente".
 
A este respecto os alcaldes recordan que "foi a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade quen redactou os pregos (do contrato) e adxudicou o servizo" e de aí que demanden da Xunta "que faga algo de forma inmediata".
 
Lamentan que a comarca, "xa moi castigada", estea vivindo "un novo problema" cuxa orixe estaría, segundo aseguran, nunha licitación das concesións "que non se axustaba á realidade".
Os representantes municipais reiteran o seu apoio ás reivindicacións da plataforma de persoas usuarias do transporte público e aseguran que por parte dos concellos se adoptarán medidas de presión “se non chegan solucións nos próximos días para poñer fin a uns problemas que afectan a milleiros de veciños e veciñas”.