Fene abre un novo prazo de licitación da xestión do Punto Limpo do Vilar do Colo

Fene abre un novo prazo de licitación da xestión do Punto Limpo do Vilar do Colo

As empresas interesadas teñen até o próximo 16 de febreiro para presentaren as súas ofertas

A Plataforma de Contratación co Sector Público recolle desde hai uns días a reapertura do prazo de licitación do contrato de explotación e mantemento do Punto Limpo do Vilar do Colo, despois de que a primeira convocatoria quedase deserta. As empresas interesadas teñen até o próximo 16 de febreiro para presentaren as súas propostas sobre un prezo que se incrementa en case 66.000 euros para os tres anos de vixencia máxima do contrato. O procedemento especifica que a participación na licitación se reserva a empresas que posúan a cualificación de Centros Especiais de Emprego e de iniciativa social ou a empresas de inserción reguladas.

O Concello licitou en outubro un contrato de xestión do punto limpo cun prezo base fixado en 207.175,08 euros. Finalmente a convocatoria quedou deserta e, por este motivo, a Comisión de seguimento formada polos tres municipios promotores -Fene, Cabanas e Ares- acordou publicala de novo recalculando o importe de saída, que se ascende agora a 272.972,58 euros, IVE incluído.

Esta cantidade sería para os tres anos de posible duración do contrato -dous máis un de prórroga a razón de 90.990 euros anuais-, aínda que o prezo final podería ser inferior, dependendo do que propoña a oferta ganadora.

Os pregos administrativos e técnicos mantéñense invariables con respecto á primeira licitación. Neles defínese que a adxudicataria deberá atender de balde á veciñanza dos tres concellos durante 25 horas á semana, en horario de luns a venres de 16 a 20:00h e os sábados de 9 a 14:00h.

Os refugallos domésticos que se poderán levar ao Punto limpo -electrodomésticos vellos, entullos de pequenas obras, pilas, aerosois, etc- están recollidos no regulamento de funcionamento do centro, onde se sinalan ata 24 tipos de restos, ademais das cantidades máximas anuais. Para algúns deles non haberá tope, como por exemplo os frigorífcos, televisores e pequenos aparellos avariados, as pilas e baterías, as lámpadas fundidas ou os restos de podas, entre outros.

A empresa terá que clasificar os materiais recollidos e encargarse logo do seu correcto tratamento trasladándoos a centros autorizados. Tamén asumirá a levanza dos correspondentes rexistros e o mantemento tanto das instalacións como das condicións laborais do persoal que destine ao servizo. Neste sentido indícase que as contratacións -por parte da empresa, non da Administración- deberán facerse entre colectivos con dificultade para atopar traballo.

O contrato de explotación e mantemento implica que a adxudicataria poida capitalizar os resíduos, agás aqueles que deban entrar no circuito de economía circular que se pretende poñer en marcha na caseta instalada recentemente no recinto co obxectivo de posibilitar a reutilización de restos en bo estado -principalmente electrónicos e voluminosos- aos que aínda lles quede vida útil.

No procedemento tampouco cambia o sistema de financiamento do servizo. Cando bote a andar Fene asumirá o 58,57% dos custos de funcionamento, Ares o 26,53 e Cabanas o 14,90% seguindo un criterio proporcional á poboación de cada municipio.

A documentación para participar na nova licitación pode consultarse na Plataforma de Contratación co Sector Público. O prazo de presentación de ofertas remata ás 23:59h do próximo 16 de febreiro.