O Concello modifica a ordenanza das plusvalías rebaixando os coeficientes de cálculo do imposto e introducindo unha bonificación do 90% para as herdanzas de vivenda habitual

O texto adáptase á nova normativa estatal, despois de que o Tribunal Constitucional tumbase en outubro o sistema para calcular a base impoñible do tributo

O Concello modifica a ordenanza das plusvalías rebaixando os coeficientes de cálculo do imposto e introducindo unha bonificación do 90% para as herdanzas de vivenda habitual

A ordenanza aprobouse no último pleno ordinario co voto en contra do PP e a abstención dun dos edís socialistas. Entrará en vigor tan pronto como se publique no BOP

O Concello de Fene aprobou no pleno do xoves pasado adaptar a ordenanza do Imposto de Incremento do Valor dos Terreos Urbanos (coñecido como "plusvalía") á nova normativa que regula ese gravame, despois de que o Tribunal Constitucional tumbase a maneira de calcular o seu importe. O Real Decreto-Lei publicado polo Goberno en novembro pasado dáballes aos concellos un prazo máximo de 6 meses para axustar as súas ordenanzas ao marco estatal, que introduce a posibilidade de pagar o imposto en base ao valor catastral do inmoble no intre de vendelo ou ben sobre a diferenza entre o prezo de compra e o de venda. No caso de Fene, ademais de refacer o texto consonte o decreto estatal, tamén se aproveitou para actualizar a súa redacción, rebaixar os coeficientes que se aplican e incorporar unha bonificación do 90% da cota tributaria para as vivendas herdadas que se destinen a residencia habitual.

O IIVTU é un imposto que cobran só aqueles concellos que deciden aplicalo -é potestativo-, algo que en Fene se vén facendo desde 1970, ano en que se publicou a primeira ordenanza reguladora da "plusvalía".

Para quen non o saiba ou non se vise na obriga de pagalo aínda, este imposto grava o incremento de valor dun inmoble que se produce (en teoría) desde que se adquire ata que se transmite por venda, doazón ou herdanza. Se se trata dunha venda, debe ser o vendedor ou vendedora quen pague o imposto, mentres que se se trata de herdanzas ou doazóns, o pagamento terá que asumilo quen reciba o ben.

En calquera dos tres casos anteriores o imposto calculábase ata hai tan só uns meses aplicando unicamente unha táboa de coeficientes porcentuais, o tempo en que se posuíra o inmoble ata un máximo de 20 anos e o seu valor catastral no momento da transmisión, presupoñendo de maneira obxectiva que co paso do tempo a propiedade sempre incrementaba o seu valor. E durante décadas foi así, ata que a crise do ladrillo evidenciou que os bens raíces tamén podían deprezarse considerablemente.

Foi tamén a partir dese momento cando se multiplicaron as reclamacións contra o cálculo do imposto, chegando incluso até o Constitucional. De feito, o Alto Tribunal fallou en outubro pasado a inconstitucionalidade e nulidade do método para fixar a base impoñible do imposto sobre plusvalía reflectido na Lei Reguladora das Facendas Locais, por consideralo "alleo á realidade do mercado inmobiliario".

Nova maneira de calcular a plusvalía
O fallo do Tribunal Constitucional deixou en papel mollado os apartados correspondentes da lei estatal e todas as ordenanzas municipais emanadas dela, o que obrigou ao Goberno do Estado a modificar o marco normativo das Facendas locais -que viu a luz no BOE tan só uns días despois- introducindo como principal novidade que non haxa que pagar plusvalía se o inmoble non incrementou o seu valor.

Cómpre, iso si, presentar a declaración do imposto e a documentación probatoria de que o ben vale menos que anos atrás, para o que se pode achegar a escritura da adquisición inicial e a da posterior transmisión que xera a obriga tributaria.

Para saber o importe do imposto naquelas transmisións que si teñan que pagar seguirán aplicándose os valores catastrais e os coeficientes que decida cada concello dentro dos límites establecidos pola norma estatal. Porén, aquí tamén hai novidades, xa que se o valor obtido con esa fórmula é maior que o incremento real, o que se utilizará para o cálculo será este último.

 

Fene xa adaptou a súa ordenanza

O Real Decreto-Lei 26/2021 de 8 de novembro deulles aos concellos seis meses de prazo para adaptaren as súas ordenanzas aos novos criterios polos que se rexerá a plusvalía. Fene levou o texto a pleno o xoves pasado, que saíu adiante cos votos favorables do equipo de Goberno, mentres que o PP votou en contra e un dos representantes do PSOE optou pola abstención.

A ordenanza local -que sairá nestes días publicada no BOP- mantén as exencións contempladas na anterior redacción -do 2008- e aproveita para actualizar o seu contido de cara a acadar unha maior claridade na súa redacción e unha mellor regulación e xestión dun imposto que ata agora supuña unha recadación anual de entre 60.000 e 190.000 euros. Unha variabilidade xustificada no feito de que, ao tratarse autoliquidacións en función do número de transmisións, non hai unha cifra estable de ano en ano, senón que flutúa dependendo de cantos inmobles cambien de mans dentro do exercicio.

A adaptación da ordenanza traerá aparellada unha rebaixa xeral do imposto, xa que Fene optou por reducir ao mínimo permitdo os coeficientes de cálculo establecidos na normativa estatal. Ademais tamén se introduce unha bonificación do 90% do IIVTU no caso de herdanzas que se destinen a vivenda habitual.