Manifesto institucional 8M Día Internacional da Muller
08-03-2022
O 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, tamén chamado Día Internacional da Muller, reivindica e visibiliza a loita das mulleres polos seus dereitos, participación e recoñecemento, en pé de igualdade cos homes, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa.
Tras dous anos de pandemia do COVID-19 púxose de relevancia a precariedade estrutural do noso sistema tras anos de políticas neoliberais. Estamos diante dunha situación de crise social e económica, e as respostas artelladas non incorporaron como debesen a perspectiva de xénero, polo que se acentuaron as desigualdades que viven as mulleres.
Se algo nos deixou claro esta pandemia foi que, unha vez mais, son as mulleres as que asumen sempre o incremento de traballo. A maior parte das veces, en sectores que as fan aínda mais invisibles do habitual.
Neste momento, queremos facer fincapé no sector dos coidados, aínda que non é o único que invisibiliza o traballo da muller (o sector da limpeza é outro deses traballos que fai pasar ás mulleres totalmente desapercibidas, pese á importancia que tamén ten no noso día a día, especialmente na situación actual que vivimos).
Por iso é imprescindible abordar o debate sobre os coidados, cuxa actual organización supón un lastre para o desenvolvemento vital das mulleres. As mulleres vense forzadas a asumir un volume enorme de traballo de coidados, nalgúns casos non remunerados, o que as mantén atrapadas na parte máis baixa da pirámide económica e supón unha das causas directas da brecha salarial. Esta desigualdade é asentada e sostida polo sistema capitalista e patriarcal, cuxo obxectivo é obter beneficios e privilexios para uns poucos á conta das persoas máis vulnerables e oprimidas, que sempre son mulleres.
Este 8 M, debemos traballar para ocupar o espazo público doutra maneira, visibilizar os efectos da pandemia sobre a vida das mulleres, e incidir na transformación do sistema que posibilite corrixir as desigualdades que xera. A pandemia volveunos a relegar ás mulleres ao fogar, desplazándonos do espazo público. Non podemos permitir retroceder na relevancia de que a perspectiva de xénero impregne a reconstrución social, e que o teletraballo non supoña facernos desaparecer do espazo público e a toma de decisións. Seguimos sendo invisibles na historia polo que seguiremos potenciando todas as actuacións que recuperen a nosa memoria histórica e sirvan de referentes ás mulleres actuais e futuras.
Por estas e moitas máis razóns, é necesario que este Concello se comprometa a potenciar e implantar a perspectiva de xénero nas actuacións que desenvolve, e evitar que esta crise aumente as desigualdades e as discriminacións (especialmente nos sectores que fan as mulleres practicamente invisibles) para o que é necesario cambiar os modelos patriarcais e capitalistas por modelos de igualdade, xustiza, paridade, liberdade, diversidade e democracia. Hoxe, o feminismo segue sendo imprescindible para reverter a desigualdade, loitar contra a intolerancia e o odio e transformar a sociedade.
Por todo iso, o CONCELLO DE FENE adopta os seguintes acordos:
1.- Apoiar as accións que se desenvolvan na reivindicación do 8 M facilitando con todos os medios materiais, persoais e de difusión o cumprimento das medidas hixiénico sanitarias dos actos que convoquen as asociacións de mulleres o 8 de marzo.
2.- Enarborar a bandeira feminista no Concello como símbolo de apoio á loita das mulleres.
3.- Impulsar o debate social dos coidados, dentro das propias competencias, que posibilite o cambio de modelo actual que xera desigualdade e precariedade, no que se debe incluír os usos do tempo e estratexias posibles para implementar a corresponsabilidade nos fogares.
4.- Avaliar a situación das persoas maiores e dos recursos que dispoñen para desenvolver unha vida digna e a continuidade asistencial, mellorando os programas e servizos públicos para garantir a cobertura progresiva de apoios que lles permita permanecer na súa contorna.
5.- Reforzar o compromiso institucional pola igualdade de xénero e en contra das violencias machistas.
6.- Reforzar os recursos económicos e humanos destinados ao desenvolvemento de políticas de igualdade activas, integrais e participativas, poñendo especial atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
7.- Incorporar cláusulas sociais de xénero nos contratos públicos que impulsen a implantación de medidas que reduzan as brechas laborais por parte das empresas.
8.- Eliminar a publicidade discriminatoria ou denigrante das mulleres, ben desde os soportes, publicacións ou transportes públicos (marquesiñas, autobuses taxis, guías, ou información turística,…) ben non contratando con medios privados que a manteñan ou potencien.
9.- Implantar actividades escolares complementarias que incidan nunha educación empoderante e feminista.
10.- Continuar coas medidas municipais dirixidas á mellora da detección precoz da violencia de xénero e da violencia sexual entre a mocidade, así como a activación dos mecanismos de resposta pro-activa en colaboración con outras administracións, entre elas a Xunta de Galicia.
11.- Continuar coas campañas de sensibilización destinadas ó entorno familiar e social das nenas, para que se sintan apoiadas no desenvolvemento das súas vocacións científicas e tecnolóxicas.
12.- Continuar coas accións de sensibilización social e concienciación colectiva, para o fomento de actitudes de respecto e tolerancia no ámbito da igualdade.
13.- Instar á Xunta de Galicia a darlle continuidade á mellora da formación do persoal docente en igualdade e prevención da violencia de xénero.
14.- Instar á Xunta de Galicia a fomentar a promoción da coeducación no conxunto da sociedade e nomeadamente no persoal da administración e da comunidade educativa, a través de instrumentos de divulgación, ferramentas didácticas, así como estratexias de traballo en rede.
15.- Que as medidas propostas sexan asumidas desde a dotación suficiente para ser levadas a cabo.