O concello de fene súmase ás recomendacións para canalizar a solidariedade co pobo Ucraíno
10-03-2022
Sexamos responsables
Os concellos galegos e a cidadanía en xeral reaccionou á guerra en Ucraína cunha gran onda de solidariedade desde o primeiro minuto. No entanto, pese á situación de emerxencia que as organizacións presentes na zona xa están a paliar, cómpre reflexionar sobre o mellor xeito de apoiar á poboación local nestes intres.
Neste senso, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participou nunha xuntanza convocada pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, canda representantes da Fegamp, da Coordinadora Galega de ONGD e de entidades especializadas. Tras escoitar a todas as partes, extráense as seguintes recomendacións para canalizar o apoio ao pobo ucraíno, recomendacións as que o Concello de Fene súmase:
1.- Paralizar as doazóns de bens en especie, dado que se está a producir unha saturación tal que carrexa graves dificultades de almacenaxe, loxística e transporte. Ademais, descoñécese cales son os materiais que se necesitan en cada momento, xa que a situación de crise é cambiante. Por tanto, se algún concello ou deputación ten en marcha algunha campaña de recollida de alimentos e materiais de primeira necesidade a mellor opción será gardar todo o material para ser empregado unha vez cheguen as persoas refuxiadas a Galicia.
A DXRREEeUE, responsable de canalizar a axuda humanitaria desde Galicia en coordinación coas autoridades estatais, realizará un inventario dos almacéns que xa existen para estudar se é preciso enviar parte dos produtos máis adiante, reservalos para as persoas refuxiadas que cheguen a Galicia ou darlle saída a través doutro tipo de entidades.
2.- Priorizar as achegas económicas. O máis eficiente e eficaz é sempre facer unha achega económica ás ONG ou organismos internacionais que están dando apoio á poboación ucraína afectada, para que merquen o que realmente precisan no momento que o precisan. Neste caso, ao tratarse de países europeos, hai garantías de que no mercado local poden conseguir todo o necesario, evitando gastos innecesarios de transporte coa consecuente pegada medioambiental. Estas doazóns pódense realizar a través das seguintes entidades, entre outras:
- Coordinadora Galega de ONGD: https://galiciasolidaria.org/como-apoiar-a-poboacion-na-ucraina/
- Cruz Vermella, Media Lúa Vermella e Comité Internacional da Cruz Vermella: https://www.icrc.org/es/donate/crisis-en-ucrania
- Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas. Fondo Humanitario para Ucraína: https://www.unocha.org/ukraine/about-uhf
- Axencia das Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas (ACNUR): https://eacnur.org/es/crisis-ucrania
Para acoller poboación refuxiada, neste senso a prioridade son solucións habitacionais de titularidade pública, ou en todo caso vivendas privadas, e non espazos compartidos con familias galegas.
Descártanse as iniciativas individuais para recibir a menores non acompañados, lembrando que existe un sistema de acollida institucionalizado e que, na medida do posible, as nenas e nenos deben reagruparse coas súas familias.
3.- Non facer envíos de materiais por conta propia. É unha irresponsabilidade trasladar o envío de materiais desde a nosa localidade ata a fronteira da zona en conflito. Sempre que se faga un envío de materiais de axuda humanitaria debe ser baixo o amparo dunha ONG especializada. Ademais, se non temos a unha entidade receptora no país de destino, a viaxe pode resultar completamente inútil. Recordade que o persoal dunha ONGD que traballa en contexto de conflito armado ten unha formación específica para operar fronte emerxencias humanitarias, non son simples persoas voluntarias motivadas polos acontecementos, senón que son profesionais con cualificación. A nosa boa vontade pode entorpecer o seu traballo. Non subestimemos a profesión das e dos cooperantes.
4.- En ningún caso ir en busca de persoas para traer á nosa localidade. E moito menos se se trata de menores. Esta tarefa debe quedar en mans das autoridades competentes e non podemos sortear todos os procedementos legais e burocráticos precisos para materialización da acollida, porque podemos estar poñendo en risco ás persoas refuxiadas. Recordade que se trata de persoas en situación de vulnerabilidade, polo que as entidades e autoridades responsables se encargarán de velar polos seus dereitos. Desde o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Concello de Fene facemos un chamamento á calma e á orde. Sabemos que hai moita vontade por parte do municipalismo galego de colaborar co pobo ucraíno, mais precisamos facelo de xeito organizado e coordinado, escoitando as recomendacións das administracións públicas competentes e das ONG expertas, para non entorpecer a materialización da axuda. A poboación refuxiada vai precisar do apoio das nosas deputacións e concellos durante un tempo.