Xuntanza do alcalde de Fene cos comités de empresa de Navantia Fene e Ferrol

Xuntanza do alcalde de Fene cos comités de empresa de Navantia Fene e Ferrol

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, reuniuse esta mañá coas permanentes dos comités de empresa de Navantia Fene e Ferrol. Na xuntanza abordouse a situación da empresa Navantia na bisbarra e algúns dos principais problemas aos que se enfronta nestes intres. Entroutras cuestións, os comités trasladaron ao primeiro rexedor fenés a súa reivindicación dun proxecto industrial que aclare o futuro dos asteleiros e pediron o seu apoio para que se cumpran os compromisos acadados en materia de obras e investimentos. Tamén lle transmitiron a súa preocupación polo incumprimento do chamado "Plan de incorporación de plantilla" xa que, segundo explicaron, "a 31 de decembro do ano pasado, no canto das 102 incorporacións que estaban previstas nos asteleiros da ría de Ferrol, somentes se produciran 9".


Na xuntanza, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, trasladou o seu apoio aos representantes dos traballadores do naval e manifestou a importancia dos investimentos neste sector para o emprego na comarca.

Ámbalas dúas partes teñen previsto continuar no futuro con estás reunións e con outras medidas que se acorden para conseguir a mellora da carga de traballo en Navantia Fene e Ferrol.