Medio Ambiente pon en marcha a recollida selectiva de pilas en instalacións municipais

Medio Ambiente pon en marcha a recollida selectiva de pilas en instalacións municipais

Colector de pilas instalado na Casa do Concello

A Concellería de Medio Ambiente ven de asinar un convenio de colaboración coa Fundación Ecopilas para implantar en Fene a recollida de pilas en instalacións municipais. Froito do acordo, a Casa do Concello conta xa cun colector no que a veciñanza pode depositar pilas usadas e/ou baterías. Ademais, en breve, Ecopilas instalará tamén colectores noutros edificios públicos como a Casa da Cultura ou os pavillóns municipais, ocupándose a entidade da recollida e xestión deste tipo de residuos. A concelleira de Medio Ambiente, Marta Pereiro, anima aos feneses a facer uso dos novos contenedores “para evitarmos os danos ao medio ambiente ou á saúde que podería provocar unha xestión inadecuada das pilas usadas”.

Segundo a Fundación Ecopilas, as pilas, se se tiran ao lixo co resto de residuos, poden rematar perdendo o seu hermetismo e derramando algúns dos seus compoñentes (níquel, cadmio ou mercurio), perxudicando en último termo ao medio ambiente. Pola contra, as pilas depositadas nos colectores “trasládanse ás prantas de reciclaxe máis modernas e eficientes, onde se clasifican por tipos e formatos para dar a cada unha o tratamento específico que lle corresponde, segundo os seus compoñentes”. Ademais, “moitos destes metais e compoñentes, entre o 50 e o 80 por cento, poden recuperarse e devolverse ao círculo do proceso industrial”.

A Fundación Ecopilas é un Sistema Colectivo de Responsabilidade Ampliada do Productor para a xestión dos residuos de pilas e baterías, constituída no ano 2000 polos principais fabricantes e importadores de pilas que ten por obxectivo a correcta xestión dos residuos derivados destes produtos ao término da súa vida útil.