Fene acolle estes días un curso de Técnicas de Busca de Emprego da Mancomunidade

Fene acolle estes días un curso de Técnicas de Busca de Emprego da Mancomunidade

Dez mulleres participan dende este martes no Curso de Técnicas de Busca de Emprego que organiza a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol coa colaboración da área de Formación e Emprego “Pancho Allegue” de Fene, no marco do Programa Integrado de Emprego. Cunha duración de 20 horas, esta acción formación ten por obxectivo “adquirir as técnicas e estratexias necesarias en relación ao proceso de procura de emprego”.

Entre os contidos a tratar, salientan: o coñecemento da contorna a propósito do mercado laboral, a elaboración dun proxecto profesional e as técnicas e ferramentas para a procura de emprego (fontes de emprego, elaboración do curriculum vitae, o proceso e probas de selección, entrevistas, etc). Tamén se aborda a procura de emprego a través de redes sociais e as principais ferramentas web para o mercado de traballo.

O curso de Técnicas de Busca de Emprego estase a desenvolver na aula de cursos do Departamento de Cultura do Concello de Fene en horario de 9.00 a 14.00 horas. Unha vez finalizada esta acción formativa, anúnciase unha segunda edición, do 5 ao 8 de abril, na mesma localización e horario.

O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol 2021/2022 está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e ten unha duración de 12 meses. O seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás mulleres participantes -100 mulleres dos concellos de Fene, Ares, Cabanas, Cedeira, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño- de xeito que melloren a súa empregabilidade e logren a inserción laboral. Os medios que se utilizan para a consecución do obxectivo son moi diversos e adaptados ao perfil de cada persoa.