Obradoiros medioambientais nos colexios de Fene
31-03-2022
O Colexio O Ramo de Barallobre acolleu este luns o primeiro dos obradoiros que a Concellería de Medio Ambiente de Fene levará aos centros educativos de Fene entre os meses de abril e maio. A actividade consistiu na construción de refuxios para morcegos por parte do alumnado de Primaria do centro que tamén recibiu unha charla sobre a importancia deste mamífero voador no ecosistema. O obradoiro terá continuidade nuns meses cunha nova sesión na que os rapaces e rapazas poderán instalar no medio natural os refuxios para morcegos que elaboraron nas aulas.
Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente de Fene, Marta Pereiro, os obradoiros escolares realizaranse en todos os centros educativos de Fene. Nuns casos impartirase este mesmo de construción de refuxios para morcegos e noutros, para idades máis temperás, farase un de construción de comedeiros para paxaros, acompañado dunha charla sobre as pequenas especies. Os talleres están dirixidos por persoal da asociación Ribeirán.