Visita do alumnado do Taller de Emprego do Arquivo Naval de Ferrol ao Arquivo Municipal de Fene

Visita do alumnado do Taller de Emprego do Arquivo Naval de Ferrol ao Arquivo Municipal de Fene

Vinte alumnos traballadores pertencentes ao Taller de Emprego "Departamento del Norte" do Arquivo Naval de Ferrol, acompañados polos docentes e a directora do taller, visitaron esta mañá o Arquivo Municipal de Fene. O alumnado, que se está a formar como auxiliar de arquivo de maneira tanto teórica como práctica, puido coñecer de primeira man as instalacións e a dinámica de traballo deste departamento municipal do Concello de Fene. O grupo foi recibido no Salón de Plenos polo alcalde, Juventino Trigo, e a concelleira de Persoal e Seguridade, Sandra Permuy, xunto cos responsables do servizo, a arquiveira municipal Silvia Freire, e o auxiliar de arquivo Xan Morales.

No decurso da visita, explicouselles aos asistentes como se traballa no Arquivo Municipal de Fene, tanto no tratamento e recuperación da información como na xestión de préstamos e devolucións de forma automatizada. Falouse do arquivo municipal e das súas funcións e, sobre todo, do traballo diario que na práctica se desenvolve neste departamento, cuestións sobre as que o alumnado do Taller de Emprego do Arquivo Naval de Ferrol puido formular preguntas e resolver dúbidas.

Para complementar a visita, os traballadores do Arquivo Municipal de Fene prepararon unha pequena mostra de diferentes tipos de expedientes e documentos que podemos atopar nun arquivo municipal. E, finalmente, acompañaron aos visitantes en grupos ao depósito do arquivo, para que puideran ver os compactos, o volume de unidades de instalacións que conforman o fondo e, mesmo, facer algunha busca no xestor de datos do servizo.