Ata sempre, Pitusa

Ata sempre, Pitusa

Fene despide hoxe á xornalista e escritora fenesa María Xesús Arias, "Pitusa", que faleceu o pasado venres como consecuencia dunha grave enfermidade. Traballadora da emisora munipal do Concello de Fene, Pitusa foi unha das voces dos informativos e de A Fenestra de Radio Fene durante máis de tres décadas. Ademais foi autora de varias publicacións sobre a historia local: “Maniños no Pasado”, “Barallobre no Pasado”, "Perlío no Pasado" e "Fene vai de Antroido"; e coautora do cómic “Galiza acorda. Andrés de Barallobre”.

Licenciada en Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago, Pitusa "tivo unha especial inclinación intelectual cara o cinema", desenvolvendo ou participando en proxectos coma o do libro “O cine na comarca de Ferrol, as súa xentes, os seus recursos (1897-2010),  a exposición "Adriano sesión contínua” ao a curtametraxe “Vivir no Adriano".

No persoal, María Xesús Arias foi unha incansábel activista democrática e defensora dos dereitos das mulleres.

Como sinala Xose Manuel Sarille na semblanza publicada na web de Radiofusion, "nós de Pitusa nunca esqueceremos a súa predisposición para axudar aos demais, a súa inclinación a compartir coas persoas. A súa delicada amabilidade. A súa natureza acolledora e colaborativa".

Ata sempre, compañeira.