O Concello investirá preto de 180.000 euros na ampliación de servizos básicos en Sillobre e Barallobre
12-04-2022
A Xunta de Goberno Local ratificou hai escasos días a proposta da Mesa de Contratación de adxudicar con carácter provisional dous dos proxectos acollidos ao POS+ da Deputación da Coruña, por un importe global de 178.815,62 euros. Trátase, por unha banda, da ampliación das redes de abastecemento e saneamento nos camiños dos Loureiros, o Catalán e a Vrea, en Barallobre; e, por outra, da condución de auga pública aos núcleos da Calzada, Arriba, o Revolto e a Lagarteira, todos eles pertencentes á parroquia de Sillobre. Nestes días a adxudicación elevarase a definitiva, co obxectivo de que as obras poidan iniciarse durante a primavera e estar rematadas ao longo do verán.
O proxecto deseñado para Barallobre inclúe tres actuacións concretas que suporán a extensión de 1,1 km de tubaxes nos lugares do Camiño do Catalán e dos Loureiros, de cara a conectalos coa rede xeral do abastecemento municipal.
A obra inclúe a escavación de gabias -todas elas en terreo público-, o soterrado das conducións, a instalación de válvulas que permitan seccionar a subministración no caso de avarías e, por último, a reposición do firme. Ao cabo da intervención poderán conectarse ao servizo un total de 13 vivendas de ambos núcleos.
Dentro do mesmo proxecto -adxudicado con carácter provisional en 60.325,62 euros, IVE incluído- tamén se recolle a ampliación do saneamento ao longo de 161 metros do camiño da Vrea que carecen do servizo. Neste caso veríanse beneficiados dous domicilios de maneira inminente e a infraestrutura xa quedaría lista para outras 8 novas vivendas unifamiliares que poden construírse nas parcelas situadas a un lado e outro dese eixo viario.
Abastecementos en Sillobre
O outro programa de recente adxudicación é o da dotación do servizo de abastecemento municipal na Calzada, Arriba, o Revolto, Covelo e a Lagarteira, en Sillobre. Cinco lugares nos que, en conxunto, se soterrarán algo máis de 2 quilómetros de canalizacións para continuar completando a malla da traída pública nunha das zonas máis poboadas do rural fenés.
Igual que no anterior proxecto, toda a rede discorrerá por debaixo de pistas municipais, de maneira que non serán necesarias expropiacións, aínda que o Concello si obtivo a cesión duns metros nunha leira privada para a instalación do bombeo que requirirá o tramo Arriba-O Revolto-Covelo.
O investimento, financiado con cargo ao POS+ 2021, ascenderá a 118.490 euros, IVE incluído, e achegaralle o servizo municipal a arredor de medio cento de vivendas e outras tantas susceptibles de ser edificadas no futuro.