O Concello de Fene adxudica en cerca de 183.000 euros unha nova fase de melloras no barrio de San Valentín

O Concello de Fene adxudica en cerca de 183.000 euros unha nova fase de melloras no barrio de San Valentín

Reurbanizarase o entorno das torres I, II e III, ademais de substituír sumidoiros e a rede de evacuación de pluviais

 
A Xunta de Goberno Local do Concello de Fene aprobou hai escasos días a adxudicación provisional do proxecto de reurbanización das torres I, II e III de San Valentín. Os traballos, cuantificados en 182.710 euros -IVE incluído-, teñen por obxectivo serguir renovando os servizos básicos e mellorando a a accesibilidade do barrio, o máis populoso do municipio e tamén un dos máis avellentados. Esta será a terceira actuación de envergadura que se desenvolve na zona nos últimos anos, despois de levar a cabo a reurbanización dos bloques II e V e III e IV. 
 
En 2021 fixéronse os 50 anos desde que se entregaron as primeiras chaves das vivendas de San Valentín, un barrio nacido ao abeiro da puxante construción naval e concibido como unha cidade a pequena escala dotada con todos os servizos. 
 
En medio século San Valentín practicamente non cambiou, pero si as necesidades de quen viven alí, que hoxe demandan espazos pensados para as persoas e libres de barreiras arquitectónicas. Ademais, o barrio tamén require unha actualización do sistema de drenaxe de augas fecais e pluviais, de acordo cunha normativa e un sentir ambiental que tampouco son os mesmos que hai cincuenta anos.
 
Neste sentido, o Concello de Fene está executando a modernización da habitabilidade e dos servizos básicos de San Valentín por medio de proxectos planificados case de ano en ano que se financian coas liñas do POS+ provincial.
 
Entre 2018 e 2021 levouse a cabo a reurbanización dos bloques II, III, IV e V substituíndo canalizacións soterradas, reparando beirarrúas, instalando novo mobiliario urbano e aglomerando as vías interiores. 
 
Agora tocaralle á zona central do barrio, onde se encontran as Torres I, II, e III. Igual que nas fases anteriores, nesta van renovarse os servizos básicos e acondicionaranse as zonas de paso que rodean -e enlazan- os tres edificios, incluída a zona de aparcamento con máis de 40 prazas que dá á Avenida da Cooperación. 
 
O alcalde, Juventino Trigo, destacou "o importante esforzo" que leva feito o consistorio nos últimos anos "para que a veciñanza de San Valentín teña un barrio accesible e cunhas infraestruturas de saneamento deste século, non do pasado". 
 
O rexedor confía en que a nova fase de reurbanización "poida comezar nuns días", co obxectivo de que  os traballos, se non hai imprevistos, estean completados antes do remate do verán. "É un prazo realista e agardamos que a adxudicataria cumpra con el", dixo o alcalde.
 
182.710 € de investimento
O proxecto licitouse o ano pasado por un prezo cercano aos 200.000 euros. Ao procedemento presentáronse un total de 13 empresas, das cales 3 foron rexeitadas finalmente por incorreren en baixas temerarias. A adxudicataria dos traballos será, finalmente, Construcciones González y González S.L. tras presentar unha proposta de 182.710 euros, IVE incluído, e un prazo de execución máximo de 4 meses.