A piques de finalizar a preparación de catro solares situados en distintos puntos de Perlío cunha superficie conxunta de 7.500 metros cadrados
O Concello amplía en 260 prazas o aparcamento do centro urbano
28-05-2022
O Concello de Fene rematou recentemente a preparación de dúas parcelas de 4.000 metros cadrados situadas entre a rúa da Fraga e o río Cádavo co obxectivo de habilitalas como grande zona de estacionamento. Ademais destas, o consistorio tamén está acondicionando outras dúas, unha de 2.000 metros cercana á Praza Verde e outra duns 1.500 situada ao carón do colexio Jorge Juan. Son en total 7.500 metros cadrados que axudarán a desconxestionar Marqués de Figueroa e que, ademais, proporcionan un espazo extra de aparcamento en citas con grande afluencia de xente, como por exemplo as Festas dos Santos que se celebrarán a próxima fin de semana en Perlío. Calcúlase que as novas superficies, froito de acordos de cesión coa veciñanza, permitirán aparcar ata 260 vehículos.
O Concello xa informara en abril do ano pasado da súa intención de ampliar o espazo de estacionamento, por medio de acordos cos propietarios de terreos sen uso. Os acordos consisten, a grandes trazos, nunha cesión gratuíta dos solares durante catro anos -prorrogables despois por acordo das partes- a cambio de que o Concello se ocupe da súa limpeza e mantemento.
As catro parcelas conveniadas son chan urbano sen edificar que ata hai pouco se encontraba cheo de maleza e que agora o Concello está preparando cunha intervención pouco profunda, consistente nunha limpeza superficial seguida dun labor de nivelado con grava e saburra compactadas. As obras buscan unicamente regularizar e reforzar o chan o xusto e necesario para poder utilizar as parcelas, dado que a cesión ao Concello non é definitiva e, ademais, están afectadas pola proximidade do río Cádavo e incluso por Patrimonio.
Hai tan só unhas semanas concluiu a preparación dos dous terreos situados na rúa da Fraga e estes días trabállase no acondicionamento doutra das parcelas cedidas, a situada ao pé da rúa Cañotas, de 2.000 m2. "Alí polo momento, só fixemos unha limpeza xeral e unha nivelación ata onde podemos, á espera de que chegue o permiso de Augas de Galicia para perfilar perfectamente as irregularidades e compactar a superficie como é debido", precisou Juventino Trigo.
O rexedor recorda que desde o ano pasado -cando se pecharon os acordos polos terreos da Fraga e Cañotas- tamén se negociou cos propietarios a ampliación doutra zona de aparcamento situada fronte aos Módulos, xusto onde confúen San Salvador, a Rúa Alta e a Rúa Maroño. "Alí xa había unha explanada duns 600 metros de superficie que se utilizaba como estacionamento e agora conseguimos ampliar o espazo ata os 1.500 metros", explica Trigo.
Desde o Goberno local agradécese a disposición das persoas titulares dos terreos para colaborar co Concello na resolución dos problemas de estacionamento que veñen demandando desde hai anos os hostaleiros e comerciantes de Marqués de Figueroa e da rúa da Fraga. "Ganamos 7.500 metros de superficie e aproximadamente 260 prazas novas de aparcamento. Non é a solución, pero si un grande avance que tamén axuda a mellorar a accesibilidade a servizos como Correos, Viaqua, o Centro de Saúde e incluso o Concello".
Segundo o Goberno local, a ampliación destes espazos de estacionamento tamén "será fundamental" cando se organicen grandes eventos, como os Outlet, a Fashion Night ou as Festas dos Santos que se celebrarán en Perlío á volta duns días.