O Concello inviste máis de 51.000 euros na renovación dos parques infantís de Limodre e Sillobre

O Concello inviste máis de 51.000 euros na renovación dos parques infantís de Limodre e Sillobre

A empresa Jardinería Arce rematou hai uns días os dous proxectos de rehabilitación dos parques infantís de Limodre e do Souto, en Sillobre, como adxudicataria dun contrato no que o Concello de Fene investiu 51.694,55 euros. As áreas de xogos para a rapazada -en ambos casos situadas ao pé de bloques de vivendas- están xa abertas ao público tras varias semanas de traballo en que se substituíu o chan e se instalaron novos equipamentos lúdicos, co obxectivo principal de facelas máis accesibles, seguras e adaptadas á normativa.

En liñas xerais o obxectivo municipal foi o de adaptar ambas instalacións ao decreto autonómico sobre normas mínimas de seguridade e de prevención de accidentes, no que se regulan entre outros aspectos as condicións de accesibilidade, a obriga de usar un chan que amorteza posibles caídas, a sinalización do recinto ou os requisitos de marcado e seguridade de todos os xogos que se instalen.

Neste sentido os traballos consistiron na renovación da superficie de caucho e na eliminación de barreiras arquitectónicas, así como na colocación de enredos para distintas idades.

Así, en Limodre -onde case non había ningún xogo utilizable- instalouse unha randeeira de dúas prazas para crianzas de ata 5 anos, un balancín de madeira tratada, un cabaliño sobre un resorte, unha casiña-rocódromo e outra que combina trepacordas e tobogán. No lugar tamén se reforzou a división da zona infantil con respecto á estrada.

Na outra punta do concello, no parque do Souto, destaca un xogo tipo barco de grandes dimensións, un novo tobogán e unha cama elástica a ras de chan distribuídos polo espazo dispoñible, que tamén recibiu un profundo lavado de cara.

As dúas actuacións que agora acaban de rematarse son a continuación do programa de renovación de espazos infantís iniciada na zona urbana e que o Concello está estendendo tamén ás parroquias "comezando por aqueles puntos onde se concentra máis poboación", precisa o alcalde, Juventino Trigo.

Esa foi a razón de que se elixisen, en primeiro lugar, o parque situado ao pé da igrexa de Limodre e o do Souto, en Sillobre, aínda que o consistorio ten previsto continuar coa folla de ruta até completar "o antes que se poida" a totalidade dos 13 espazos infantís que hai distribuídos por todo o territorio fenés.

O proxecto xa finalizado adxudicouse nun importe global cercano aos 51.700 euros sufragados con fondos municipais e coas intervencións distribuídas en dous lotes: o de Limodre por valor de 22.728,74 euros e o de Sillobre cuantificado en 28.965,81 euros.