Declaración institucional, ofrenda floral e himno galego para conmemorar o Día da Patria Galega
23-07-2022
Apelando aos sucesos do 10 de marzo de 1972 e á loita polas liberdades, a escritora Ánxela Loureiro foi a encargada de ler este mediodía a declaración institucional do Concello de Fene para conmemorar o 25 de xullo, Día da Patria Galega. No acto, que se desenvolveu a carón do Monumento Día da Patria Galega, no parque liñal do río Cádavo, Loureiro estivo arroupada polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Ardá, membros da corporación municipal e veciños/as de Fene. O acto finalizou cunha ofrenda floral e coa interpretación do himno galego por parte dos presentes. Ademais, entregouse á autora da declaración institucional unha praca conmemorativa, realizada pola ceramista fenesa Carme Romero, e a carpeta da exposicion “Volta á orixe”, con reproduccións de debuxos de Xaquín Marín.
Cada ano por estas datas, en vísperas do 25 de xullo, a corporación municipal de Fene encárgalle a declaración institucional ao redor do Día da Patria Galega a unha persoa de recoñecido prestixio pola súa traxectoria social e cultural. Nesa ocasión, tal e como explicou o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, a escolla recaeu en Ánxela Loureiro, mestra, escritora, guionista cinematográfica, cantora e divulgadora musical e unha rapaza que con 16 anos, viviu en primeira persoa a represión que seguiu ao marzo de 1972. Ánxela Loureiro tiña 16 años o 10 de marzo do 72 pero, como ela manifestou en máis dunha entrevista, “fíxose adulta ese día, adquirindo un compromiso a prol das liberdades e dos dereitos da muller, que mesmo lle acarreou tres detencións e unha agresión fascista”.
Tal e como se recolle no documento elaborado por Ánxela Loureiro, 1972 foi “un ano dramático marcado no calendario con sangue polos terribles acontecementos, pero a dureza dos sucesos espertaron as conciencias e mobilizaron á xente contra un réxime caduco, antidemocrático, represivo e cruel”. Loureiro fala daquela fatídica xornada na que a clase obreira de Ferrolterra saíu de mañá cedo para demandar as propias reivindicacións e que finalizou con dous mortos no chan, decenas de feridos e milleiros de persoas arrepiadas. E, aínda que xa pasaron 50 anos, afirma a escritora ferrolá, “non pasou o perigo de que volva suceder, se a nosa memoria colectiva non lembra que as conquistas sociais son froito das loitas do pasado”.
“Agora o 25 de xullo festéxase o Día da Patria Galega., Galicia considérase unha nación, a nosa lingua denomínase idioma e a bandeira branca e azul ondea libremente”. Para Ánxela Loureiro, “ese mundo soñado vai construíndose acotío, edificándose sobre uns alicerces enraizados polo idioma, tradicións e a historia. Vai trocando as grises paredes opresoras da intolerancia por ledas cristaleiras que deixan mirar ao futuro con esperanza”. E citou como exemplos de aperturismo no Concello de Fene, a existencia da emisora municipal Radio Fene e do Museo do Humor.
Pechou a rolda de intervencións o alcalde de Fene, Juventino Trigo, salientando que nos achegamos á conmemoración do Día da Patria Galega “reflexionando de onde vimos, rendéndolle a nosa pequena homenaxe a aquelas mulleres e homes que o 10 de marzo de 1972 saíron as rúas para defender os seus dereitos laborais e a democracia, desafiando a un réxime que llo fixo pagar cos asasinatos de Daniel e Amador e que torturou e encarcerou a quen seguiron na loita. É xusto, necesario, urxente e imprescindible recoñecer e homenaxear a todas aquelas persoas mortas e represaliadas a cuxo labor e sacrificio lle debemos o réxime, imperfecto, de dereitos e liberdades das que hoxe gozamos”.
Tamén falou o primeiro rexedor fenés do “longo camiño que queda por percorrer”, en referencia á procura dunha igualdade efectiva entre mulleres e homes, á loita pola erradicación da violencia machista ou á necesidade de garantir o exercizo dos dereitos fundamentais (á vivenda, a traballar na nosa terra, a defender o non á guerra e á paz mundial ou a desenvolver unha nova política de aproveitamento forestal que poña fin aos lumes que nos consumen cada verán).
Por último, afirmou Juventino Trigo, “Galicia precisa, para ser unha sociedade máis xusta e igualitaria, desenvolver o seu Estatuto de Autonomía, exercendo todas as competencias que aínda están pendentes de transferir e que nos permitirían equipararnos ás outras nacións que conforman o Estado Español”.