Todo listo para a Festa Mariñeira deste sábado no peirao de Barallobre
01-09-2022
- Concello e entidades organizadoras presentaron a cita na tarde de onte mércores
- Sete colectivos veciñais, culturais e deportivos feneses ofrecerán máis dunha vintena de pratos entre os que elixir
- O Concello lamenta que na presente edición non participe a Confraría de Barallobre, que, segundo a organización, se negou a vender o marisco da ría a menos que se lle comprase todo o produto utilizado nos menús, incluído o conxelado e o procedente doutras zonas
- A xornada complementarase cun espectacular simulacro de salvamento marítimo que se desenvolverá a partir das 12:00h mobilizando unhas 120 persoas de distintos corpos de seguridade e emerxencias, ademais dun remolcador, lanchas, ambulancias, sistemas de contención de verteduras e o helicóptero do Helimer Galicia
O peirao de Barallobre acollerá este sábado 3 de setembro unha nova edición da Festa Mariñeira, a primeira tralo parón provocado pola situación de pandemia. A programación do evento deuse a coñecer oficialmente na tarde do mércores, nunha xuntanza final de organización á que asistiron representantes municipais e tamén as sete entidades participantes: a SCRD Agarimo de Sillobre, a ACRD O Pote de Maniños, AETNA, a Cultural Maniños SD, a ACDR Liga de Amigos de Barallobre, a AVV San Xurxo de Magalofes e a AVV Santa Eulalia de Limodre. A partir das 12:00h poderán mercarse os tíckets para degustar até 22 especialidades entre as que elixir, con distintos sabores e prezos. Ademais tamén haberá actuacións musicais, xogos infantís, artesanía e un espectacular simulacro de salvamento marítimo cuxa organización correu por conta da Policía Local de Fene, con supervisión do axente Daniel Martínez. A nota negativa da xornada será que este ano a Confraría de Barallobre non participará na festa, despois de negarse a subministrar o marisco colleitado polos seus asociados a menos que a organización lle mercase todo o produto para os menús, incluído o conxelado e o que non se extrae na ría. Unha postura cualificada polas entidades como "chantaxe" que levou á organización a buscar outros provedores locais.
Do programa da festa deu conta a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, quen explicou o contido dunha xornada que comezará sobre as 12:00h e que se prolongará até pasadas as 23:00h. O atractivo principal é a degustación de produtos do mar e, neste sentido, as entidades participantes servirán múltiples opcións.
Así, Agarimo de Sillobre preparará chocos con fabas, zamburiñas á plancha e polbo á galega. A Liga de Amigos de Barallobre presentará seis especialidades a base de sardiñas lañadas, fabas con ameixas, tigres, empanada de zamburiñas, zamburiñas á galega e croquetas de berberechos. Pola súa banda, a AVV de Limodre ofrecerá como posibilidades espetiños, tortilla de berberechos, fideuá de ameixas e un pincho de surimi e lagostinos. San Xurxo de Magalofes centrarase nas navallas á plancha, nas ameixas en salsa de Magalofes e no polbo á plancha. Pecha a oferta gastronómica a proposta da parroquia de Maniños -onde se agrupan O Pote, AETNA e a Cultural Maniños- con ameixas á mariñeira, polbo á feira, zamburiña á plancha, arroz con chocos, mexillóns ao vapor e tigres.
Todo "a prezos realmente populares", tal e como apuntaban desde a Liga de Amigos de Barallobre, onde a súa carta andará entre os 4 e os 12 euros, ou como comentaban as entidades de Maniños, cuxa degustación oscilará "entre os 4 euros da ración de tigres e os 15 euros dunha ración de 400 gramos de polbo".
Porén, a Festa Mariñeira que se celebrará no peirao de Barallobre terá máis alicientes. O primeiro deles será a música, coas actuacións da Ukestra do medio ás 13:30h -dentro do programa da AGADIC Cultura no Camiño do Xacobeo 2021-22-, de Trikitrí -gañador do certame Runas do Festival de Ortigueira en 2021- ás 20:00h e, pechando, o clásico Los Zares, que empezarán co seu repertorio ás 22:00h.
Ademais, segundo explicou Coira, na cita haberá hinchables para a rapazada e tamén se instalarán sete postos de artesanía locais, como extensión no peirao do Outlet de verán Merca en Fene que se vai desenvolver desde o venres até o mediodía do domingo na zona urbana coa participación de 26 establecementos. A concelleira puxo en valor a complementariedade de ambos eventos: "o Outlet abarca tres días e penso que é un atractivo. A xente que se anime a achegarse ao Outlet pode vir comer á Festa Mariñeira e despois ir facer compras, ou ir de compras o venres e o domingo e achegarse á festa o sábado. Entre música e degustacións, actividades para os nenos, simulacro e outras cousas, agardamos que veña moita xente", dixo Ángeles Coira.
Simulacro de rescate e emerxencia marítima
Outro dos grandes atractivos da xornada será o simulacro dunha emerxencia na ría, xusto diante do peirao onde se celebrará a Festa Mariñeira. O exercicio porá en escea a explosión ficticia nun remolcador na que tamén se verán implicadas dúas planadoras de marisqueo, co resultado de dez persoas na auga, unha delas falecida.
Ademais, como resultado do estourido simulado, tamén se tería producido unha vertedura de combustible. Neste sentido, o exercicio mostrará o procedemento de rescate e recuperación -no que tamén participará un helicóptero- xunto co estendido de barreiras que eviten a diseminación da mancha contaminante.
O obxectivo do simulacro é dobre. Por unha banda poñer a proba a coordinación dos medios de resposta ante accidentes similares e, por outra, dar a coñecer os recursos humanos e materiais dispoñibles para facerlles fronte ás emerxencias marítimas.
A demostración comezará ás 12:00h e prolongarase até aproximadamente as 13:30h. Unha hora e media "moi intensa" na que se mobilizarán "arredor de 120 persoas de distintos corpos de seguridade e emerxencias", tal e como explicou o principal organizador da actividade, o axente da policía local fenesa Daniel Martínez.
Martínez destaca a importancia deste tipo de exercicios "para estar todos coordinados" e contar coa preparación necesaria para responder ante este tipo de sucesos. "Incluso é importante que as persoas que traballamos no mundo das emerxencias nos coñezamos fisicamente. Desde o primeiro simulacro de 2017 xa temos un contacto fluído con todos estes organismos, o que facilitaría o labor nunha emerxencia real", precisou o axente.
A responsable da área de Seguridade, Sandra Permuy, quixo recoñecer "o traballo e o esforzo" de Martínez durante os meses de preparación dun simulacro que promete ser "espectacular" polo número de persoas e equipamentos implicados: a Policía Local de Fene, Protección Civil de Fene e Ferrol, o Servizo Marítimo da Garda Civil, Gardacostas de Galicia, Salvamento Marítimo -incluído o helicóptero Helimer Galicia-, a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cribrao, a Axencia Galega de Emerxencias, a UME de León, a Capitanía Marítima, a Cruz Vermella da Coruña, o 061 e tamén Navantia-Fene.
Segundo comentaron Sandra Permuy e Daniel Martínez, o posto de mando avanzado constituirase ás 11:00h no paseo entre o peirao de Maniños e o de Barallobre, aloxado nun camión da AXEGA. Durante todo o exercicio haberá unha persoa narrando "en tempo real" todo o que estea ocorrendo na ría e, ademais, tentarase que o público da Festa Mariñeira "poida escoitar tamén as comunicacións por radio".
Desencontro coa Confraría de Barallobre
O alcalde, Juventino Trigo, tamén destacou "o despregamento de medios" marítimos e terrestres que se poderán ver na ría ao mediodía do sábado e agradeceulles especialmente ás entidades veciñais a súa colaboración na festa, "sen a que sería imposible poder organizala".
O rexedor sinalou como "unica nota negativa" o rexeitamento da Confraría de Barallobre a participar no evento. Tal e como se explicou na presentación deste mércores, e igual que en anteriores edicións, as entidades pretendían mercarlle a Mariscos de Barallobre todo o produto da ría e buscar outros provedores para todo aquilo que viñese de fóra, como é o caso do polbo, as navallas ou os mexilóns.
Porén, nas xuntanzas mantidas semanas atrás, o pósito esixiu ser o único provedor de todo o produto do mar que se servise na festa, tanto o que extraen da ría os seus asociados como o resto de materia prima fresca ou conxelada que houbese que mercar noutras partes.
"Nós pensabamos que era suficiente con comprarlles os produtos que eles sacan do mar, pagándoo un pouco máis caro por ser da ría. Pero querían que tamén lles mercásemos o resto do produto. Pecháronse en banda, ou todo ou nada. E nós tampouco estabamos por ceder ante algo que nos parecía unha chantaxe", explican desde a Liga de Amigos de Barallobre.
Pola súa banda, a AVV San Xurxo de Magalofes critica o cambio de postura da confraría con respecto a anteriores festas mariñeiras: "outros anos ténselles comprado só o produto que eles extraen e nunca houbo problema. Este ano non houbo maneira, ou se lles compraba todo a eles ou non nos vendían nada".
As entidades de Maniños -O Pote, AETNA e Cultural Maniños-, comentan ademais, que a intermediación da confraría nos produtos que non se extraen da ría tamén significaría pagar un prezo máis alto. "Nós como sociedades sempre lles compramos a eles todo. Pero este ano é imposible. A diferencia entre a confraría e outros provedores, para nós, son 1.200 euros e iso son moitos cartos".
O Concello, como organizador coa colaboración veciñal da Festa Mariñeira, tentou mediar sen éxito nas últimas semanas "para chegar a un acordo" que pasaría en todo caso porque Mariscos de Barallobre subministrase todo o marisco que se dá na ría e que as entidades buscasen pola súa conta provedores para o resto de produtos.
"Eu fun persoalmente á confraría para tentar mediar ofrecendo a compra do marisco da ría que venden eles, pero o Patrón pechouse en banda a calquera tipo de participación. Foi imposible chegar a un acordo con el. Todo o que se vendese na festa tiña que comprárselle á Confraría, incluso os produtos conxelados que nada teñen que ver coa ría de Ferrol. Tentei que entrasen en razón dicíndolles que lles comprabamos o que tiñan na Confraría, pero que as entidades tiñan liberdade para comprar os demais produtos onde quixesen. Pero non houbo maneira", resume o alcalde de Fene, Juventino Trigo.
O rexedor indicou tamén que nas conversas mantidas coas entidades, o pósito tampouco ofreceu garantías sobre o mantemento dos prezos nin sobre as cantidades que podería subministrar.
Trigo lamentou que este ano a Confraría de Barallobre "non queira participar" na Festa Mariñeira, responsabilizando directamente ao Patrón Maior dun "desencontro" que o rexedor espera "non sexa permanente". "É realmente triste que a confraría deixe de vender miles e miles de euros nun só día por esta actitude tan tallante e pechada ao diálogo", apuntou Juventino Trigo.
Con todo, o alcalde manifestouse "convencido" de que a Festa Mariñeira deste sábado en Barallobre "será un éxito de público e organización gracias á implicación das sociedades e do Concello. Só falta que o tempo acompañe".