O Concello de Fene ampliará a superficie de aparcamento fronte ao cemiterio de Sillobre

O Concello de Fene ampliará a superficie de aparcamento fronte ao cemiterio de Sillobre

A Administración local comprou recentemente unha parcela  de 1.181 m² que proximamente se acondicionará como área de estacionamento para darlle servizo ao camposanto e aos eventos

O Goberno local de Fene pechou recentemente o acordo de compra dun terreo duns dous ferrados de superficie situado xusto diante do cemiterio parroquial de Sillobre. A parcela, que xa está escriturada a nome do Concello,  supuxo un investimento de 18.000 euros e destinarase a ampliar a superficie de estacionamento na zona. Deste modo daráselle cumprimento a unha vella demanda veciñal no sentido de solucionar a falla de espazo dispoñible para aparcar cando hai cerimonias fúnebres, pero tamén en días de festa ou actividades desenvolvidas pola SCRD Agarimo que congregan numeroso público.

Segundo explica o concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo, a nova propiedade municipal  mide 1.181m²  e está cualificada "como equipamento dotacional relixioso vinculado ao cemiterio veciñal". Un uso que seguirá tendo reconvertida en aparcamento "co que ampliaremos considerablemente o espazo de estacionamento na zona, tal e como pediron os veciños e veciñas en varias ocasións". 

O responsable municipal de Urbanismo engade que a compra, cuantificada en 18.000 euros, foi acompañada dun informe técnico coa valoración do terreo "que coincidía coas pretensións económicas da familia propietaria, á que lle agradecemos a súa  boa disposición para que a parcela sexa por fin pública e cunha finalidade que beneficiará a toda a parroquia". 
 
Neste momento nas inmediacións do camposanto de Sillobre, situado a uns 200 metros da igrexa parroquial e do local da SCRD Agarimo, hai marcadas  26 prazas de aparcamento -sen contar as marxes de Doutor Sixto Mauriz-, que a nova superficie incrementará "en aproximadamente 40 máis, dependendo de como se distribúan". 
 
Manuel Polo avanza neste sentido que os servizos técnicos municipais xa están preparando o correspondente proxecto de remodelación do espazo, co obxectivo de poder solicitar as autorizacións sectoriais pertinentes e licitar os traballos "no prazo máis breve posible".