O Concello de Fene colabora coas asociacións Bétula e Aetna, impulsoras da campaña no termo municipal
A Concellería de Medio Ambiente anima á veciñanza a participar na XV Limpeza Simultánea de Ríos galegos
23-09-2022
Sesenta e unha entidades e corenta e dous concellos galegos participan este domingo, 25 de setembro, na XV Limpeza Simultánea de Ríos galegos que promoven a organización ecoloxista ADEGA e Proxecto Ríos. O Concello de Fene participa un ano máis nesta iniciativa que implica a milleiros de voluntarios e voluntarias “que se mollan polos ríos galegos, para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social”. No Concello de Fene, a limpeza centrarase no Río de Ba, establecéndose como puntos de encontro para os voluntarios/as o Parque do Piñeiro (na Armada) e o local de Aetna (muíño) o domingo ás 10.30 horas. As persoas que desexen participar, únicamente deberán presentarse ese día en calquera dos dous puntos de encontro, provistas de roupa e calzado cómodos e luvas.
A XV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celébrase este ano en 42 concellos de toda Galiza, nos que participarán máis de 61 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…), entre as que están novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta décimo quinta edición.
Entre outros obxectivos, a Limpeza simultánea de ríos de Proxecto Ríos pretende divulgar como realizar unha actuación ecolóxica nos ecosistemas fluviais polo que se repartirá un Protocolo de Limpeza de ríos. Os/as voluntarios/as que participen nesta XV cita cos ríos galegos serán agasallados cunhas camisolas co lema da limpeza.