Rematan as obras de reurbanización das torres I, II e III de San Valentín
26-09-2022
O investimento supera os 182.000 euros, financiados co POS+ provincial
Nestes días concluíu unha nova fase de mellora da accesibilidade, dos servizos soterrados e do aspecto xeral de San Valentín, concretamente a referida á contorna das torres I, II e III, situadas no centro do barrio. Alí acometeuse o cambio das beirarrúas seguindo a estética de fases anteriores e o aglomerado do aparcadoiro interior, onde foi necesario reordenar as prazas ante o aumento do espazo dedicado ao tránsito de viandantes. Ademais tamén se aproveitou para repoñer canalizacións soterradas da rede de sumidoiros e de evacuación de pluviais. O investimento total ascende a 182.710 euros -IVE incluído- financiados con fondos do POS+ da Deputación da Coruña.
As obras son a terceira actuación que se leva a cabo nos últimos anos na zona máis populosa de Fene, onde desde 2018 se executaron proxectos similares nos bloques de vivendas II e V e III e IV co obxectivo de proseguir coa actualización da accesibilidade e dos servizos básicos nun barrio que acaba de facer medio século.
"Cando se construíu, San Valentín estaba pensado para un grande número de familias de xente moza traballadora de Astano e cos estándares urbanísticos que había naquel momento. Hoxe as necesidades son outras. Os modelos actuais de habitabilidade piden máis espazo para as persoas e tamén fai falla adaptarse no posible á realidade demográfica do propio barrio facéndoo máis accesible", explica o concelleiro de Obras, Justo Ardá.
Neste sentido, o obxecto tanto deste proxecto como dos anteriores "e os que virán no futuro" é a eliminación de barreiras arquitectónicas "e procurar darlle un lavado de cara ata onde se poida aos espazos e equipamentos comúns", engade Ardá.
Así, na zona central do barrio, onde se encontran as Torres I, II, e III, acondicionáronse as zonas de paso que enlazan os tres edificios, incluída a zona de aparcamento que dá á Avenida da Cooperación. Ademais da aparencia e accesibilidade, a intervención agora rematada tamén se ocupou da actualización dos sistemas de drenaxe de augas fecais e pluviais de cara a solventar os problemas de filtracións e roturas que acumulaba unha rede soterrada con medio século de antigüidade.
182.710 € de investimento
A adxudicataria dos traballos, Construcciones González y González S.L., ultimou os detalles do proxecto ao longo da última semana, xusto en tempo para cumprir cos prazos de execución do contrato, estipulados en 4 meses.
O importe da obra ascendeu a 182.710 euros, impostos incluídos, sufragados con cargo ás axudas do POS+ 2021. A este respecto, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, destacou o feito de que o Concello "pouco a pouco vai axustando os tempos de execución dos proxectos financiados con axudas provinciais, que noutras épocas, non sabemos por que razón, se demoraban máis do debido".
O rexedor avanza que de cara a próximas convocatorias do POS "incluiremos a mellora da accesibilidade e dos servizos das torres IV e V, así como as dos catro bloques que dan á Avenida da Cooperación".