O Concello de Fene asume a reparación de 400 metros de paseo costeiro

O Concello de Fene asume a reparación de 400 metros de paseo costeiro

O departamento municipal de Obras de Fene encargou hai escasos días a reparación dun tramo da pasarela que bordea a ría como continuación do paseo de San Valentín, clausurada a principios de xullo por mor dos desperfectos que presentaba. Os traballos, que xa se están executando, abranguen uns 400 metros de plataforma nos que se está retirando vexetación, cambiando madeira e mellorando a drenaxe para previr o seu deterioramento prematuro. O investimento supera os 11.000 euros e con el o consistorio intervén de urxencia "facendo unha reparación que debería ser executada pola Demarcación de Costas do Ministerio para a Transición ecolóxica". O Goberno local denuncia que a precariedade e inseguridade do paseo foi comunicada "varias veces" nos últimos meses e que, porén, desde o ente estatal "non se lle deu unha solución ao problema", malia tratarse dunha zona pola que transitan ducias de persoas todos os días.

A pasarela que vai desde o cabo do paseo marítimo ata o lugar do Regueiro, preto do límite co Concello de Neda, é unha estrutura  construída en 2006 polo propio ministerio -daquela Ministerio de Medio Ambiente- como parte dun proxecto de mellora da accesibilidade costeira. Naquel momento o Estado investira máis de 3 millóns de euros en quince actuacións repartidas polo litoral de toda a provincia. 
 
O paso do tempo, as mareas, a humidade e o uso intensivo do paseo foron mellando táboas, varandas e soportes que, a petición do Concello, foron obxecto en 2016 dunha intervención por parte da Demarcación de Costas na que se substituíron os 50 metros de pasarela máis próximos a San Valentín. 
 
"Hai seis anos, a empresa pública TRAGSA fixo unha reparación integral de parte da pasarela, pero desde aquela non houbo máis labores de conservación. Este ano, antes do verán, comunicámoslle a Costas que o paseo necesitaba de novo unha reparación urxente e integral, incluso de elementos que se amañaran en 2016. En xullo visitamos a zona cun técnico da demarcación e acordamos que o mellor era clausurar o paseo mentres non se asegurase a estrutura. Para iso pedíronnos un informe da situación co compromiso de encaixar a obra nos seus orzamentos. Mandámoslles a memoria valorada e desde aquela chamamos varias veces para interesarnos pola tramitación. A única resposta que nos deron foron largas", resume o alcalde de Fene, Juventino Trigo.
 
Ante a "pasividade" da Demarcación de Costas, o Concello de Fene decidiu levar a cabo pola súa conta as reparacións máis urxentes que, en palabras do rexedor, "non poden seguir agardando, xa que a xente segue pasando pola zona a pesar de estar clausurada". 
 
Os traballos que se están levando a cabo céntranse en acondicionar a zona de ribazo para eliminar vexetación e raíces e en preparar unha canle de drenaxe que reduza a humidade procedente dos terreos lindeiros. Ademais tamén se retirará parte da rampa para substituíla por outra e cambiaranse varios tablóns rotos ou podres ao longo dos 400 metros de paseo.
 
O importe total da obra ascende a 11.775,72 euros, impostos incluídos, que o Concello espera recuperar. "Agardamos que a Demarcación de Costas se faga cargo do importe total ou, se non, que o compense cun investimento maior de remodelación de todo o paseo da ribeira", comenta Juventino Trigo.
 
Arranxo da ponte de Vilanova
Por outra banda, o Concello tamén iniciou esta semana a reparación do pontigo de madeira de Vilanova, situado no paseo que discorre baixo o viaduto da AP-9, en Sillobre. 
 
O investimento neste caso aproxímase aos 3.000 euros, destinados á substitución tanto das táboas do chan como das varandas laterais.