Servizos Sociais pon en marcha un curso de empoderamento e autodefensa persoal para mulleres

Servizos Sociais pon en marcha un curso de empoderamento e autodefensa persoal para mulleres

Servizos Sociais pon en marcha un curso de empoderamento e autodefensa persoal para mulleres

Esta mañá comezou nos ximnasio da Casa da Cultura o curso "Empoderamento e autodefensa persoal" organizado pola Concellaría de Servizos Sociais co obxectivo de facilitarlles ás mulleres participantes técnicas básicas para repeler unha posible agresión e, máis que nada, o adestramento emocional necesario para manter a calma e pedir axuda o antes posible. Na actividade, que se desenvolverá até o mes de xuño, inscribíronse 13 veciñas de Fene, ás que cómpre engadirlles outras 7 en lista de agarda. O obradoiro váiselles ofrecer tamén a mozas de entre 13 e 18 anos nas tardes dos martes e xoves cos mesmos contidos. Poden anotarse até o 18 de outubro no 981 493 706 ou en servizos.sociais@fene.gal.
 
As sesións de defensa persoal, autoconfianza e empoderamento que arrancaron hoxe están programadas para os martes e xoves en horario de 9:30 a 11:00h. Unha hora e media de actividade que se reparte entre o quecemento inicial e a aprendizaxe de técnicas de taekwondo e kickboxing que poden ser de grande axuda para ganar tempo ante unha eventual agresión, sexa dentro ou fóra da casa. 
 
Tal e como comenta Manuel Seijas -monitor do obradoiro e presidente do Club Kang aprenderemos  golpes con cóbados, mans, xeonllos..., tamén luxacións, proxeccións... empezamos coas máis sinxelas e ao longo dos próximos nove meses iremos perfeccionándoas. Sempre falamos de defensa, non de ataque. O que pretendemos é que a través deste taller elas teñan enerxía e iniciativa para resolver unha situación perigosa na que se poidan atopar. É unha proporción 50-50 entre parte física e mental, porque por moito que saibas aplicar unha técnica, se non te decides a reaccionar, non fas nadaS, engade Seijas.
 
A Concelleira de Servizos Sociais, Mari Carmen Martínez, agradeceulles esta mañá ás participantes terse inscrito no curso e destacou o interese que espertara entre a veciñanza, habida conta de que logo se cubriron as 13 prazas ofertadas e de que mesmo se xerou lista de agarda. 
 
Martínez incide en que o principal obxectivo da proposta é que as participantes saiban defenderse e ter confianza en si mesmas para dicir non, a min non me van agredir. Non fomentamos a violencia, senón ao revés, que teñan recursos para saber manexar unha situación potencialmente perigosa e, se se dá o caso, poder repelela para pedir axuda.
 
 
Obradoiro de empoderamento e autodefensa para mozas
Ademais das sesións iniciadas hoxe no ximnasio da Casa da Cultura, o departamento de Servizos Sociais tamén programou un calendario paralelo e co mesmo contido dirixido a mozas de entre 13 e 18 anos.
 
Así, gracias á colaboración do CMI Unidade de Fene, que cede as instalacións, a actividade "Empoderamento e autodefensa persoal" vai ofrecerse para as rapazas os martes e xoves en horario de 18:15 a 19:45h. Hai 15 prazas dispoñibles -con prioridade para empadroadas en Fene- que se cubrirán por orde de inscrición. 
 
Poden anotarse no correo servizos.sociais@fene.gal ou chamando polas mañás ao 981 493 706. O último día é o 18 de outubro. O curso, que tamén é gratuíto, desenvolverase até o mes de xuño.